Opinión

Contra o contedor marrón

O título deste artigo é unha provocación. Mais ten como obxectivo principal combater a perversa asociación establecida por Sogama entre recollida separada da materia orgánica (biorresiduos) e implantación do colector marrón. Desde un punto de vista xeral está máis que demostrado que o colector marrón non é a mellor alternativa para a xestión dos biorresiduos. E se temos en conta a realidade galega, só é unha opción -non a mellor- en determinadas circunstancias. Por que logo a obsesión da Xunta e Sogama por impoñer esta solución?

Como é sabido, a lei galega de residuos establece a obriga da recollida separada dos biorresiduos a partir do 1 de xaneiro de 2024. A lei estatal, pola contra, estableceu esta obriga a partir do 30 de xullo de 2022 para os concellos de máis de 5.000 habitantes, e para o resto a partir do 1 de xaneiro de 2024.

En datas recentes, o presidente de Sogama enviou unha carta aos concellos nos que lles comunica a decisión da Xunta de bonificar o canon de Sogama nun 15% para os concellos que cumpran determinadas condicións: ademais dos dous criterios establecidos en anos anteriores (redución da produción de residuos e trasladar a bonificación ao recibo da veciñanza), engádese un terceiro condicionante: "ter implantada, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón".

Iniciativas adaptadas á realidade galega, moito máis eficientes e sostíbeis, son válidas para a inmensa maioría do territorio galego, non só para áreas rurais e de poboación dispersa

En realidade a bonificación do 15% é un anuncio feito polo presidente da Xunta en sede parlamentaria, utilizado como cortina de fume para contrarrestar a vaga de críticas que ergueu a decisión previa -reflectida no proxecto de lei de orzamentos para 2023- de eliminar a bonificación do 10% do canon de Sogama á que se acolleron nos tres últimos anos aproximadamente a metade dos concellos galegos.

Mais a nova decisión, unha rectificación en toda regra, trae unha carga de profundidade asociada: a imposición da alternativa do quinto contedor para a xestión da materia orgánica ou biorresiduos. Unicamente os concellos de menos de 2.000 habitantes poderán acreditar o cumprimento das condicións mediante o establecemento dun programa de compostaxe domiciliaria e/ou comunitaria.

Se chega a aprobarse nestes termos, a proposta de Sogama é errada e aberrante. E só se pode explicar como un intento de facer abortar os proxectos de tratamento de proximidade (compostaxe doméstica e comunitaria) como os que promoven o concello de Allariz ou a Deputación de Pontevedra a través do programa Revitaliza. Iniciativas avanzadas, adaptadas á realidade galega, moito máis eficientes e sostíbeis, máis lóxicas e ecolóxicas, e que son válidas para a inmensa maioría do territorio galego, non só para áreas rurais e de poboación dispersa.

Mesmo nas áreas urbanas máis densamente poboadas está demostrada a maior eficacia de sistemas como o "porta a porta" que conseguen, comparativamente con respecto ao quinto contedor, moito mellores resultados tanto na cantidade como na calidade (menor porcentaxe de impropios) da materia orgánica captada. O estrepitoso fracaso da planta de compostaxe de Sogama en Areosa (Cerceda) -precisamente baseada na recollida de biorresiduos por medio do quinto contedor-, é só un anticipo do que pasaría se se establece este sistema como predominante en toda Galiza.

O estrepitoso fracaso da planta de compostase de Sogama en Areosa é só un anticipo do que pasaría se se establece este sistema como predominante en toda Galiza

Chegados a este punto, cal é o obxectivo da teima de Sogama en impoñer a opción do quinto contedor? As razóns son basicamente dúas: en primeiro lugar, os intereses económicos das grandes contratas do sector dos residuos; en segundo termo, que a Sogama non lle interese conseguir bos resultados na calidade dos biorresiduos xerados e  no seu aproveitamento para a produción de compost (neste obxectivo, os sistemas de proximidade e "porta a porta" son imbatíbeis). O que lle interese realmente é obter un produto, ben sexa para utilizar como combustíbel na planta incineradora de Cerceda, ben sexa para utilizar como substrato na anunciada macroplanta de biometano de Cerceda, coñecida como a Somaga dos xurros.

Sexa como for, a pretensión de Sogama-Xunta é un novo paso atrás. Un grave erro que debe ser combatido coa forza dos argumentos e coa contundencia dos feitos.

Comentarios