Opinión

Ás portas do 25 de xullo, Día da Patria Galega

"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria [...]".

Sempre me pareceron fermosas estas verbas escollidas por Afonso Daniel Rodríguez Castelao para iniciar o seu discurso con motivo da conmemoración do Día da Patria Galega no ano 1948, estando no exilio en Bos Aires. Ademais da beleza poética que para o meu gusto encerran, consegue transmitir nestas poucas palabras de comezo deste "Alba de Groria" un profundo amor pola terra, orgullo e convicción nacionalista.

Milleiros de corazóns latexando ao unísono para celebrarmos esta data-símbolo da vitalidade da nación galega

O mesmo amor pola terra, o mesmo orgullo e a mesma convicción que levaron a centos de nacionalistas que, coma Castelao, precedéronnos e loitaron, sufrindo na súa pel unha cruenta represión, para conquistar poder celebrarmos o Día da Patria Galega como hoxe en día facemos, na compostelá Praza da Quintana, con milleiros de galegas e galegos chegados desde cada recuncho da Galiza, e tamén da diáspora. Milleiros de corazóns latexando ao unísono para celebrarmos esta data-símbolo da vitalidade da nación galega, si, mais tamén de reivindicación soberanista, co horizonte de conquerirmos, máis cedo que tarde, a República Galega libre, xusta e solidaria pola que traballamos cada día.

A manifestación nacional que o Bloque Nacionalista Galego convoca, un ano máis, o 25 de xullo con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela ten este firme propósito. Terá lugar nun contexto nada fácil para o conxunto do pobo galego. Á difícil situación vivida por mor da pandemia da Covid-19 súmaselle un complexo contexto xeopolítico, cunha crecente tensión belicista, e no socioeconómico cunha situación de crise tremendamente incerta que, todo apunta, leva camiño de agravarse aínda máis nos vindeiros meses. Unha crise que está situada a maior profundidade do que nos queren facer crer. Que está no cerne do sistema capitalista e quen o sustenta que, coma sempre, buscará salvarse á costa das clases populares e de pobos que, coma o noso, sairán perdendo de non se organizar e mobilizar para dar unha resposta firme e contundente ante esta situación.

Non se trata de alarmar mais si é necesario dicirlle ás galegas e galegos a verdade neste contexto. Non virá de fóra remedio nin esperanza. Fronte á política da imaxe e das palabras ocas que propugnan as forzas sucursalistas de Madrid, o nacionalismo traballa cada día por dar ás galegas e galegos unha alternativa política sólida, que necesariamente pasa por que se garanta unha saída social, galega e xusta a esta situación de crise. Unha saída que só será posíbel se a Galiza tiver soberanía para decidir por si propia o que máis lle conveña.

A poucos días do 25 de xullo, invocamos a enerxía creadora do pobo galego que ten todo o futuro por gañar. De norte a sur do país centos de militantes e simpatizantes nacionalistas traballan desde cada comarca, desde cada localidade, para popularizar esta data e sumar, cada ano, moitas máis mans a esta tarefa colectiva.

Non se trata de alarmar mais si é necesario dicirlle ás galegas e galegos a verdade neste contexto: non virá de fóra remedio nin esperanza

Porque na Galiza non nos resignamos, somos unha maioría que quere vivir en plenitude e normalidade na nosa lingua propia, nun país diferente e mellor. A nova Galiza que xa está en marcha e que non fica impasíbel vendo como as mozas e mozos seguen emigrando, que quere vivir e traballar aquí, con dereitos colectivos e construíndo desde a igualdade, o feminismo e a diversidade.

O 25 de xullo temos que encher até botar por fóra de autoestima e dignidade a Praza da Quintana, para facermos de cada día do ano un Día da Patria Galega.

Comentarios