Opinión

Xoguetes e coeducación

Unha gran maioría dos anuncios de xoguetes reproducen roles sexistas, que nenos e nenas asumen como imperativos para a súa aceptación social. Segundo o Estudio sobre estereotipos y roles de género en la publicidad de juguetes (Instituto de la Mujer, 2020), o 38,5% dos anuncios amosa ás nenas arquetipos femininos de beleza ou de coidadora e nai/esposa como referencia, alén de sexualizar as cativas nun 11% deles. Asemade, o 34% dos anuncios relacionados con profesións e dirixidos ás nenas asócianse co sector dos salóns de peiteado e estética, mentres que o 50% dos dirixidos aos nenos mostran actividades como piloto, policía ou militar. A mensaxe é moi clara: a diferenciación de xénero, pon de manifesto con total precisión o que se espera delas e deles cando sexan maiores

O xogo é un elemento clave de socialización na infancia, crucial para a configuración da personalidade, os valores, as habilidades e as capacidades. A decisión sobre que xoguetes poñemos a disposición dos nenos e das nenas é de grande importancia. Xogar é ensaiar a vida, practicar os roles establecidos. "Non basta con ter xoguetes dun e doutro tipo e facilitar o acceso igualitario. Hai que ter en conta que a maioría dos xoguetes foron concibidos cos roles estereotipados. Os xoguetes imitan a realidade en miniatura", como nos di a profesora e escritora María Luísa Abad na publicación Manual para coeducar na escola infantil (Xerais, 2008), editado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar para as Galescolas, aquel ambicioso proxecto de país.

Para mudar esta situación, os principais fabricantes de xoguetes españois asinaron co  Ministerio de Consumo adherirse a un código de autorregulación que pretende desterrar estes estereotipos, evitar asociar os xogos a un ou a outro sexo, impedir sexualizar as nenas e impulsar unha linguaxe inclusiva e unha imaxe igualitaria. Se algún anuncio incumpre as normas, deberá ser retirado. Este novo código deontolóxico, que substitúe ao de 2015, aplicarase aos membros da Asociación Española de Fabricantes de Juguetes (AEFJ), que aglutina as maiores industrias do Estado. Porén, asociacións de consumidores como FACUA critican que esta cuestión debería ter sido regulada por lei, con sancións para quen non respecte este novo código.

Hai que ter en conta que a maioría dos xoguetes foron concibidos cos roles estereotipados. Os xoguetes imitan a realidade en miniatura

Nin boas intencións, nin propostas voluntaristas, nin novos códigos deontolóxicos; todo pode axudar, certamente, pero a mellor ferramenta para erradicar estereotipos sexistas que só conducen á desigualdade e á discriminación de mulleres e nenas está na coeducación que debe comezar nas etapas máis temperás. Disto sabe María Luísa Abad, coeducadora pioneira e de longa traxectoria na Educación Infantil e na Primaria no noso país. De feito, a devandita publicación é una edición revisada e ampliada doutra do ano 1996, na que a autora, coa Lei Orgánica 1/1990 Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) como base, e aproveitando as novidades positivas da lei en cuestión, analizaba a adquisición da identidade de sexo e xénero na infancia. Tamén enxergaba o sexismo existente na escola -como consecuencia da sociedade na que está inserida- e a necesidade ineludible dunha verdadeira intervención coeducativa na escola mixta, aportando instrumentos de observación e análise da práctica diaria, así como diferentes propostas dirixidas ao profesorado e ás familias.

Dinos a autora: "A coeducación supón una ruptura co currículo implícito ou oculto, que é en realidade o que transmite o sistema de valores dominante, supón un compromiso co alumnado de cara a facilitar experiencias integradoras, de comunicación e respecto cara ás e aos demais, de solidariedade e de tolerancia… Estamos pola coeducación, significando 'coeducar' educar de acordo con todos aqueles aspectos positivos que se consideren necesarios para calquera persoa, independentemente do seu sexo biolóxico".

Benvidas sexan, e non só no Nadal, as guías de xoguetes e contos non sexistas. Deseñemos estratexias motivadoras para que todos os xoguetes sexan útiles e interesantes para ambos sexos. Procuremos nos xogos a colaboración e a participación de nenas e nenos. Velaí algunhas ideas.  

Comentarios