Opinión

Seica non é importante

A través dunha enquisa anónima e voluntaria, máis de 450 adolescentes de entre 13 e 20 anos dun centro público de Pontevedra responderon o ano pasado a 61 cuestións relacionadas cos seus coñecementos e prácticas sexuais. O uroandrólogo Manuel Varela e o xefe de Medicina Preventiva do Sergas en Pontevedra Javier Paz, coa colaboración da Sociedade Galega de Sexoloxía SoGaSex, foron os responsables desta pescuda.

Hai uns días presentouse publicamente este interesante traballo e, alén da equipa directiva e a orientadora do centro en cuestión, só asistiron tres profesores dun claustro de máis de 60, algunhas antigas profesoras, que colaboramos neste estudo, a presidenta de SoGaSex e unhas nais máis preocupadas polo tipo de preguntas que incluía a investigación e pola formación que ían recibir as súas fillas neste delicado tema tabú da sexualidade, que polas propias conclusións. Á presentación, convidárase sen éxito ao profesorado doutros centros e á cidadanía en xeral mediante os medios de comunicación locais, que axiña se fixeran eco do estudo e resaltaran a súa importancia. Engadir que, ademais da escaseza de público, a maioría eramos mulleres. Cuestión de xénero?

Daquela, para unha cidadanía desmobilizada nesta temática semella non ter relevancia que os resultados do traballo de referencia sexan unha chamada de atención para a comunidade educativa, a Administración e sociedade en xeral, co agravante de que son dabondo máis preocupantes que os obtidos hai agora doce anos por outra enquisa semellante no mesmo centro.

Entre as conclusións máis salientables podemos comentar que desde 2010 até agora duplicouse a porcentaxe de mozas e mozos que recorren a Internet para informarse sobre sexualidade, pasamos do 30,8% ao 64,7%, co risco que isto supón porque remata sendo a pornografía a súa escola para as relacións amorosas; de feito, a partir dos 12 anos consumen este material de xeito habitual observándose unha grande diferenza entre eles e elas, xa que os mozos duplican a consulta de material pornográfico verbo das mozas, 74,6% e 39,3%, e din que o fan para mellorar as súas relacións.

A mocidade busca en Internet a información e a formación que os ámbitos escolar e familiar deberían proporcionarlles, pero que non o fan, tal e como manifestan nas súas respostas, onde a familia vai detrás das amizades, internet e redes sociais e a valoración que teñen neste aspecto do centro educativo resulta penosa. Só un 22,5% considera que é boa ou suficiente, fronte a un 80% de hai doce anos. Como docente sei que, agás honrosas excepcións, esta formación non é impartida polo profesorado, que a cada máis pensa que non é da súa competencia ou precisa preparación, xunto co medo que se albisca diante de posibles denuncias de familias contrarias a unha educación sexual de calidade, influídas por ideoloxías escurantistas en auxe.

Un 13,9% de mozas responden que a primeira relación coital foi sen o seu consentimento e un 13,8% recoñecen ter sufrido algún tipo de abuso sexual. Ademais, un 20,8% do alumnado afirma ter presenciado eses abusos, e á pregunta de se reaccionaron xorde, porque máis adiante un 19,5% di non saber onde acudir ante dúbidas e problemas neste eido.

Atopamos nas respostas un rexeitamento maioritario á violencia de xénero, certo; porén, un 11,6% de mozos non a teñen en consideración e un 2,8% das mozas tampouco, fronte un 2,4% deles e un 0,6% delas na investigación anterior. Transcorreron doce anos e nalgúns aspectos a nosa mocidade está en peor situación de risco e vulnerabilidade, ademais de non gozar, en moitos casos, dunha sexualidade plena. Pola contra, é máis libre declarando a súa identidade, sexa a homosexualidade, un 8,8% ou o binarismo, un 15,6%; tamén atopamos unha maior liberdade e desenvolvemento da sexualidade feminina cando o 63,2% das mozas recoñecen masturbarse habitualmente e o 97% considera boa esta forma de procurar pracer.

Para rematar, xunto a miña voz á do alumnado, case un 90%, para reclamar unha educación sexual sen prexuízos, inclusiva, científica e non moralista en todas as etapas educativas, desde Infantil até a Universidade. Moito por facer.

Comentarios