Opinión

Observatorio Wassyla Tamzali: a solidariedade entre mulleres

O Observatorio leva o nome dunha destacada avogada, escritora e feminista alxerina, que desde o ano 1971 foi responsable na Unesco de diversos programas dedicados á defensa dos dereitos das mulleres, contra a explotación sexual e a trata. Wassyla foi, tamén, unha das oito mulleres que elaboraron o Chamamento das mulleres árabes pola dignidade e a igualdade, presentado ao Presidente do Consello de Europa en maio de 2012. Este colectivo, alentado pola escritora de orixe rifeña Zoubida Boughaba, afincada en Granada como Mediadora Intercultural da Cruz Vermella, ven de organizar nesta cidade a carón da Fundación Euroárabe as xornadas Voces de Ida y Vuelta, dedicadas nesta ocasión a Mujer, Maghreb, Islam; unha iniciativa na que participei para expoñer a miña experiencia como docente en Marrocos.

Marrocos, país de influencia árabe, islámico, onde as mulleres loitan arreo por ter máis presenza. Por iso, nestas xornadas soaron voces de mulleres, críticas, rebeldes e dispostas a turrar por un futuro mellor. Asemade, serviron de foro para intercambiar ideas, tecer redes e xuntar forzas para avanzar cara una sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre.

Entre esas voces, salientar as intervencións das escritoras e coñecidas activistas Najat El Hachmi e Mimunt Hamido, que rexeitan falar dun "feminismo islámico", posto que a relixión non debería definir ou agrupar as mulleres de distintos territorios. Opinan que ao feminismo non hai que poñerlle apelidos, tal que islámico, negro ou decolonial; é un movemento transversal e mundial contra o patriarcado e as súas diferentes manifestacións, que acolle a calquera muller disposta a loitar polos seus dereitos. O contrario, segundo elas, é dividirnos e facernos máis febles.

Unha das grandes preocupacións de ambas expertas é a expansión do Islamismo practicado en Europa nas últimas décadas, en barrios de emigrantes de países árabes, onde para defenderse do racismo e fortalecer a identidade e a pertenza á súa comunidade practican un Islam "renovado", moi diferente do transmitido polas persoas maiores de cada familia, moito máis rigoroso nos principios e nas obrigas e, sobre todo, moi prexudicial para as mulleres, ás que somete a unha discriminación e a unha supeditación aos homes, próxima á súa anulación. Este Islam "renovado" está directamente apoiado e subvencionado por países como Arabia Saudí ou Emiratos Árabes, que proporcionan Imanes ben adestrados e moitos cartos para edificar mesquitas por todo o mundo, así como multitude de publicacións ben editadas e atractivas. Detrás de todo isto, a pegada do Yihadismo ou dos Hermanos Musulmanes. Velaí dous libros para achegarnos ás posicións de ambas feministas: Siempre han hablado por nosotras, de Najat El Hachmi, e No nos taparán, de Mimunt Hamido.

Outro momento importante destas xornadas, e pode que o mais emotivo, foi cando Kenza, Sukaina e Karima compartiron con nós as súas vidas, os obstáculos e retos profesionais e sociais que deberon afrontar como mozas de orixe magrebí, emigrantes en España. Chegaron coas súas familias sendo unhas nenas e, co paso dos anos, quixeron comezar a elixir e decidir por si mesmas, se rezar, facer o Ramadán, vestir doutro xeito, estudar, gozar da sexualidade… En todas elas, a resposta familiar foi contraria e, nalgún caso, violenta en paralelo á da comunidade musulmá. Algunhas tiveron que denunciar ás súas familias para ser acollidas nun centro de menores e quedar soas para sempre, coa creba emocional que iso significa; outras, axudadas polas nais maiormente, conseguiron manterse no entorno familiar, formarse, atopar un traballo e ter unha vida máis acorde cos seus desexos. Saíron adiante e hoxe queren devolver a axuda recibida, compartindo o que aprenderon a través das redes sociais e, a partir de agora, co recen creado Observatorio Wassyla Tamzali, que nace coa intención de dar asesoramento, apoio e acubillo a todas as mulleres novas de orixe musulmá que o precisen. Até o momento non contaban con colectivos que o fixeran, agás Valentas y Acompañadas, de Girona. Daquela, longa vida ao Observatorio Wassyla Tamzali.

Comentarios