Opinión

Auditoría e xénero

Coñecín hai uns días unha interesante e moi documentada tese de doutoramento presentada na Escola Internacional de Doutoramento da UVigo, titulada Análisis de la actividad auditora con perspectiva de género. A súa autora, Susana Escaloni, leuna en xuño na Casa das Campás en Pontevedra, obtendo a máxima cualificación.

É unha investigación do sector da auditoría con perspectiva de xénero cun dobre obxectivo, analizar e visualizar a situación laboral da muller neste ámbito en España, así como enxergar a incidencia do sexo na determinación dos honorarios de auditoría e na persistencia dunha situación laboral desigual, na que a eiva principal céntrase na progresión ou carreira profesional das mulleres auditoras. O estudo realizouse sobre una mostra de 3.217 observacións correspondentes a sociedades non cotizadas españolas durante o período 2008-2015.

Unha maior presenza de mulleres auditoras nunha profesión tradicionalmente "masculina", como é a auditoría, é un indicador do grao de avance en materia de igualdade nos países desenvolvidos, mais, ao tempo, obsérvanse importantes diferenzas no acceso a postos directivos e asociados. Esta desigualdade no sector explícase, entre outras causas, pola dificultade de mudar os estereotipos, a maternidade e as políticas de flexibilidade laboral e de conciliación, cun efecto contrario ao previsto.

Canto ao número de mulleres auditoras, España sitúase por baixo da media europea, quer no que atinxe á cantidade de mulleres no sector (34%), quer a súa representación nos postos directivos (12%). Porén, Hungría, Polonia, Albania ou a República Checa (cunha formación máis igualitaria de homes e mulleres) están por riba cunha porcentaxe entre o 55% e o 70% de mulleres no sector, pero diminúe enormemente na alta dirección cunha media inferior ao 20%. Ademais, as socias auditoras perciben un salario menor que o dos homes malia o feito de que as socias xeran maiores primas de honorarios.

Os trazos atribuídos ás mulleres non son os máis valorados nunha profesión ordenada por homes para homes. As mulleres que acadan o status de socias decote deben se adaptar ás regras masculinas e, ao facelo, refórzanse os estereotipos de xénero. E se adoptan comportamentos máis dominantes, tamén son criticadas e valoradas negativamente por afastarse dos comportamentos estereotipados. Xa que logo, as mulleres que rompen os "teitos de cristal" están ben adestradas e posúen habilidades superiores á media dos homes.

En España, arestora, un de cada catro auditores é muller, pero con tendencia ao equilibrio nas promocións máis novas, nun colectivo que presenta un perfil de idade avanzada e moi masculinizado. Porén, xunto co acceso da muller é preciso analizar o grao de avance na carreira profesional e a existencia de dificultades ou obstáculos na súa progresión, tales como a falta de dispoñibilidade ou dedicación a tempo completo.

Por outra banda, os estudos que analizan as diferenzas por razón de xénero no ámbito financeiro apuntan actitudes valoradas positivamente como que as mulleres realizan investimentos máis conservadores e de menor risco e teñen unha maior aversión ao fraude. Tamén se asocia positivamente coa calidade dos ingresos que nas xuntas directivas haxa diversidade de xénero, así como a presenza de mulleres nos postos de alta dirección.

A modo de conclusión, entre outras propostas, Susana Escaloni insiste no compromiso das familias e das entidades auditoras para avanzar en igualdade. As familias,  corresponsabilizándose das tarefas do fogar e dos coidados; as entidades, desterrando a cultura do presentismo, primando políticas de flexibilidade baseadas nunha avaliación global de resultados e incentivando a incorporación dos homes a estas políticas, así como a desfeminización das mesmas.

Finalmente, cómpre unha implicación clara e decidida dos gobernos para impulsar mudanzas en todos os sectores mediante unha educación en igualdade superadora de estereotipos.

Comentarios