Opinión

Anuncia, 'A Pasionaria de Viana'

A primeira nova que chegou a nós desta afouta muller foi nos anos 90, a través dun artigo publicado na revista A nosa bisbarra, alentada polo asociacionismo cultural de Viana do Bolo. Nel, Celia Domínguez, que anos andados sería concelleira do PSOE naquela vila, relataba a dureza da vida de Anunciación Casado Atanes e a súa estarrecedora morte.

Nacida en Atás (Cualedro) nunha humilde familia de vendedores ambulantes, casa en 1920 con Eduardo García, veciño de San Mamede (Viana), e aos poucos emigran ao País Vasco. Alí, achéganse ao PCE e mesmo tratan a Dolores Ibarruri, que amadriña o seu último fillo, Vladimiro. Ao fío da II República, o seu home morre en accidente laboral nos Altos Hornos de Vizcaya de Sestao e quédalle unha cativa pensión, conseguida polo Sindicato Obrero Metalúrgico (UGT). Daquela, viúva e con catro fillos, regresa a San Mamede, traballa as terras da familia e, como xornaleira, enceta unha intensa actividade política e sindical.

Anuncia foi unha desas mulleres fortes e destemidas que sufriron dobre represión, por ser antifascistas e por ser mulleres

Houbo que agardar 86 anos para falar en público de Anuncia, 'A Pasionaria de Viana': muller loitadora, ben coñecida entre os carrilanos do camiño de ferro Zamora-Ourense. Chegou a ser a primeira muller responsable territorial do PCE na provincia ourensá e a súa arrebatada oratoria foi moi celebrada polo proletariado das Frieiras durante as eleccións da Fronte Popular, algo do que deu fe o carrilano socialista e futuro guerrilleiro Cándido Losada 'Malvavisco', que a evocou falando dende unha solaina da Vilavella, acompañada polo mestre comunista Francisco Domínguez. Anuncia tamén era benquerida pola súa veciñanza, que, analfabeta, era enganada de vez polo cura que facía asinar hipotecas e outros escritos de cesión das súas cativas propiedades. Defensora da xente modesta, ficou, pois, sinalada para o que viría despois. Tras o Alzamento, andou fuxida un mes; mentres, a sanguinaria Falange de Verín perseguiuna con saña, co fillo dos donos do Balneario de Cabreiroá, Fernando Salgueiro e o desalmado xefe da Falange de Vilaza, Antonio Aguirre 'O Churro', en vangarda. Unha vez presa, foi torturada, rapada e violada de xeito colectivo; logo, exhibida polos lugares que, como Mourisca, San Mamede ou Viana, coñeceran o seu compromiso. Ao cabo, tras negarse a berrar "Arriba España", déronlle morte con fosa aberta nas Revendeitas de Viana o 21 de agosto de 1936. Tiña 38 anos. Varios días despois, o seu corpo maltratado foi descuberto pola veciñanza e soterrado no adro da igrexa de Castro. Aínda máis: aos seus fillos pequenos, non lles quedou outra que ver como queimaban as pertenzas nunha fogueira diante da casa, como se dun "acto de fe" se tratase. E os dous maiores, Flora, de 19 anos, e Eduardo, de 16, estiveron na cadea algún tempo.

Anuncia foi unha desas mulleres fortes e destemidas que sufriron dobre represión, por ser antifascistas e por ser mulleres. Deberon soportar padecementos terribles (ofensivos rapados de pelo, violentas malleiras, múltiples penetracións e mutilacións espantosas) antes de ser cruelmente asasinadas. Velaí, entre outras, á bibliotecaria e muller do gobernador civil de A Coruña, Juana Capdevielle; a María Vázquez, de Miño, mestra defensora da renovación pedagóxica e feminista; á costureira e lavandeira Carmen Pesqueira 'A Capirota', de Marín; á vendedora de xornais, Rosario Hernández  'A Calesa', de Vigo; a Carmen Jérez 'A Galega', compañeira do guerrilleiro berciano Abelardo Macías 'O Lebre' e a outras menos coñecidas que compre visualizar, como Pilar Suárez de Florderrei (Vilardevós), cuxa vivenda foi rodeada pola Garda Civil en outubro de 1947 por dar acubillo a guerrilleiros. Daquela, mentres o seu home Amadeo Domínguez era asasinado, a Pilar déronlle morte tras ser torturada e violada, coa casa queimada e os dous fillos no desamparo…

Ao cabo, o 20 de agosto e a iniciativa da asociación cultural Os Torgueiros da Gudiña, honrando a magoada lembranza de Anuncia, pretendemos alentar unha xeografía física e emocional da represión de xénero na Galiza, co desexo e a intención de socializar unha cartografía do, aínda moi silenciado, sufrimento das mulleres tras o golpe militar de 1936.

Comentarios