Opinión

O amor non é un delito

Este é o lema do Colectivo 490 creado en Marrocos en 2019, tras a detención da xornalista Hajar Raissouni e do seu compañeiro, acusados de manter relacións sexuais fóra do matrimonio (art. 490 do Código Penal), así como do persoal sanitario da clínica xinecolóxica á que acudía, por presunta práctica dun aborto. Tiveron que ir a xuízo e recibiron como pena un ano de cárcere; posteriormente, o Rei Mohamed VI concedeulles o indulto pola presión mediática xerada. Non tivo a mesma sorte unha moza marroquí de Bojador, que logo de ficar embarazada e abandonada pola súa parella, que lle prometera matrimonio, acudiu á policía e foi detida e condenada a dous meses de cárcere polo mesmo artigo 490. Á saída do cárcere, a moza suicidouse.

As relación sexuais entre un home e una muller fóra do matrimonio están prohibidas en Marrocos e poden ser castigadas con penas de un mes a un ano de cárcere, sen ter en conta se son persoas adultas e se hai ou non consentimento. Cada ano arredor de 14.000 persoas son perseguidas no país por este brutal e obsoleto artigo, que agrava aínda máis a situación da muller, xa que os embarazos non desexados, produto destas relacións, rematan en abortos clandestinos (entre 600 e 800/día), coa ameaza de ir á cadea até dous anos (art. 454).

As relación sexuais entre un home e una muller fóra do matrimonio están prohibidas en Marrocos e poden ser castigadas con penas de un mes a un ano de cárcere

O Colectivo 490 redactou o manifesto 'Fóra da Lei', pedindo a derrogación deste artigo e doutros que atentan contra os dereitos individuais, que foi asinado por 12.000 persoas nas primeiras semanas, e no que se auto-inculpaban de ter relacións extraconxugais, de practicar ou ser cómplices de abortos ou de amar a persoas do mesmo sexo. Nel podemos ler: "Esta cultura de mentiras e hipocrisía social xera violencia, arbitrariedades e intolerancia. Estas leis, draconianas e inaplicables, convertéronse en ferramenta de vinganza política ou persoal. Pensamos que a sociedade marroquí está madura para o cambio e para que se ratifique o respecto á intimidade e o dereito de toda persoa a dispoñer do seu corpo".

Entre outras persoas, fan parte do Colectivo 490 Sonia Terrab, xornalista, escritora e directora de documentais como a webserie de sona Marokkiat/Mulleres marroquís, na que, rompendo tabús, dá voz en espazos públicos a mulleres; Leïla Slimani, escritora e xornalista residente en Francia, gañadora do Premio Goncourt (2017), que vén sendo a voz do colectivo a nivel internacional; Narjis Benazzou, especialista en bioloxía médica e presidenta do colectivo na actualidade, ou Guizlane Mamouni, licenciada en Dereito pola Sorbonne e que desde o seu regreso a Marrocos dirixe un prestixioso bufete de avogadas e avogados. Guizlane é autora dun interesante artigo publicado no Nº 135 da revista marroquí de talante liberal Zamane, no que relata como eran tratadas ao longo da historia de Marrocos as relación sexuais fora do matrimonio e como a época do Protectorado francés (1912-1956) tivo moito que ver no castigo e no endurecemento das penas.

A partir de 1912, tras o Tratado de Fez, Francia tiña o dereito e o deber de reformar a xustiza e o Código Penal no país alauita, pero non será ata 1953 cando o sultán "fantoche" Ben Arafa aprobe a nova lexislación. Antes, Ben Arafa substituíra a Mohammed ben Yussef (o futuro rei Mohammed V tras a independencia) que se negara a firmar estas reformas, como xeito de protesta contra a política colonial francesa. O novo Código, baseado no promulgado por Napoleón (1810) e moi criticado pola propia cidadanía francesa que o consideraba "un Código pesimista sobre a natureza humana", incluía xa o artigo 490. Antes do Protectorado, a lexislación estaba nas mans das tribos ou kabilas, era consuetudinaria e consideraba só punibles aquelas relacións que se consideraba atentaban contra a sociedade ou contra o individuo, caso da prostitución, a homosexualidade e as violacións, que eran sancionadas con multas pero nunca con prisión nin castigos corporais.

Semella entón que na historia de Marrocos as relacións sexuais extramatrimoniais entre persoas adultas e consentidas non foron motivo de cárcere ata 1953, baixo o Protectorado. E convén lembrar que, na altura, os locais dedicados á prostitución inzaban o país para servizo dos exércitos coloniais.

Comentarios