Opinión

Cara a unha diáspora interxeracional?

No medio das manifestacións, marchas de apoio, mobilizacións, xuntanzas, roldas de prensa… que vimos celebrando dende o Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, esténdese un ruxe ruxe que medra e adquire corpo día tras día, retornar ao lugar do que se retornou, é dicir, voltar á Suíza, á Franza ou á Alemaña. Trátase de evitar o saqueo, de esconxurar a aldraxe e fuxir deste reino que rouba aos cidadáns e coroa aos ladróns.

No medio das manifestacións, marchas de apoio, mobilizacións, xuntanzas, roldas de prensa… que vimos celebrando dende o Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, esténdese un ruxe ruxe que medra e adquire corpo día tras día, retornar ao lugar do que se retornou, é dicir, voltar á Suíza, á Franza ou á Alemaña. Trátase de evitar o saqueo, de esconxurar a aldraxe e fuxir deste reino que rouba aos cidadáns e coroa aos ladróns.

"Esténdese un ruxe ruxe que medra e adquire corpo día tras día, retornar ao lugar do que se retornou, é dicir, voltar á Suíza, á Franza ou á Alemaña. Trátase de evitar o saqueo, de esconxurar a aldraxe."

A primeira vez que acompañamos a Elena Vázquez (mariñá de Cervo sancionada pola Axencia Tributaria) nunha das súas peregrinacións cara ás entranas do monstro, un nutrido grupo de retornados comentaba a posibilidade de regresar a aquelas latitudes onde algúns conservan parentes, amigos ou mesmo algunha propiedade.

Anxo botou trintaetrés anos nos Estados Unidos, ten a dupla nacionalidade, se o enchen moito volve para América, ademais, o feito de non ter fillos faille máis doado deixar Foz.

A Luz reclámanlle por ser herdeira, seu pai botou dezasete anos na Franza. Se o Estado segue a teimar en remexer nos bens das familias da emigración para ela non supón ningún problema o idioma nin habituarse de novo a aquelas terras.

Elena xa ten a súa filla traballando en Inglaterra (vítima da vaga migratoria actual), despois do que lle está a facer a Facenda española pouco vai haber que “animala”.

Luís ten ataduras de máis en Burela e non pode volver para á Suíza, pero entende ben aos que cisman en marchar e dálles a razón.

"Na actualidade xa comezamos a experimentar coa terceira vez, a neodiáspora provocada polo acoso de Facenda. Marchan para evitar os abusos da administración española".

Velaquí o panorama na Mariña, e supoño que non é moi diferente no Morrazo, na Ferrolterra ou na Limia. As argalladas deste reino trangalleiro expúlsannos de novo, outra volta a repetir a historia! 

Escoiteille unha vez ao alcalde de Mondoñedo –con longa experiencia migratoria no Uruguai e na Arxentina- que o retornado emigra dúas veces, a primeira cando sae do seu país e a segunda cando volve para el. Na actualidade xa comezamos a experimentar coa terceira vez, a neodiáspora provocada polo acoso de Facenda. Que ninguén pense que estas persoas marchan por non contribuír, porque todas elas cumprían as súas obrigas coa Axencia Tributaria, marchan para evitar os abusos da administración española.

Mentres non se unifique o criterio legal que diferenza os beneficiados por un ou varios pagadores, é dicir até que a lei non deixe de discriminar entre contribuíntes que posúen un único pagador (sexan estados, empresas ou calquera outra entidade) ou varios -algo moi común entre os retornados-, a política fiscal terá campo aberto para saquear aos administrados, non só aos emigrantes retornados, porque cómpre lembrar que cando exiximos a modificación desta lei inxusta, facémolo pensando nos contribuíntes en xeral.

"A salvaxe voracidade recadotaria empuxa de novo á diáspora aos avós dos mozos e mozas que veñen de emigrar co seu título universitario" 

Até que o Estado español non se decate de que coa súa estratexia depredadora está a acentuar a enxurrada demográfica galega –e máis a do resto do Estado- e que a salvaxe voracidade recadotaria empuxa de novo á diáspora aos avós dos mozos e mozas que veñen de emigrar co seu título universitario recén conquerido, non rematará “esta vergoña”, parafraseando ao Irmán Daniel, cada vez máis vixente, sempre visionario. 

Mentres isto non aconteza, ou, a lexislación que atinxe a Galiza comece a ser elaborada dende aquí, con parámetros propios, respectando e contemplando episodios históricos como a emigración (que se constituíu en vector fulcral dos últimos trescentos anos), seguirá a haber máis galegos na parroquia de acolá ca na Galiza territorial.

Comentarios