Opinión

A xeración Z chega á universidade

Cando me preguntan por que lle puxen un nome en latín ao meu blog, sempre respondo que é a mellor expresión que coñezo para reflectir a retroalimentación do proceso de aprendizaxe. Ensinando apréndese, e moito. Teño ocasión de experimentalo de preto neste curso académico, o segundo da pandemia, no que imparto aulas na Universidade de Vigo a rapaces e rapazas de primeiro curso de Grao, que teñen entre 18 e 20 anos. 

A chamada Xeración Z fai referencia á mocidade nacida ao borde do cambio de século, a partir do ano 2000. Naquela altura eu estaba a metade da miña carreira universitaria, polo que, a efectos cronolóxicos, para eles e elas, son, cos meus corenta entrados, directamente unha vella. Porén, intento adherirme á súa pel, empatizar con eles e elas para entender cómo senten e pensan e poder adaptar así os métodos de aprendizaxe. Ser docente ás veces, é xogar a ser Peter Pan, sempre rodeada de persoas máis novas, que teñen sempre a mesma idade, aínda que cambie o mundo ao noso redor. Encaixar as pezas desas vidas novas que empezan a agromar nun mundo en eterna mudanza é un dos retos máis duros, extenuantes e bonitos do oficio de ensinar. 

O meu contacto continuo con eles e elas, vaime achegando pílulas de coñecemento que considero moi valiosas para comprender cómo é a mocidade que vai herdar o mundo (se o cambio climático o permite). Teñen un fondo sentido xusticeiro da vida que algunhas veces os leva a actuar de xeito impulsivo, obviando razoamentos fríos e sosegados. Son sensibles, comprometidos e dispostos a axudar cando a causa o merece. Danlle importancia ao ocio e á calidade de vida por riba do simple traballo remunerado, pero adoitan ser consumistas. Están máis concienciados cara determinados temas como o medio ambiente, os dereitos humanos ou a igualdade de xénero, aspectos nos que os seus maiores tivemos a obriga moral de sacar o Doutoramento na escola da vida moitas veces a marchas forzadas. Utilizan con fluidez varios aparatos tecnolóxicos ao mesmo tempo e considéranos infalibles. Saben que na Rede existen riscos, pero cren estar preparados para afrontalos cun mínimo esforzo. Son conscientes do dereito á privacidade, pero non do delito de plaxio. Son utilitaristas e só se involucran se entenden a finalidade das cousas. Están máis dispostos a reclamar un dereito se o consideran conculcado (ter nacido sen a sombra dunha ditadura demasiado preto axuda moito). Saben de tecnoloxía e internet moito máis que calquera dos seus devanceiros sen ter lido ningún manual, pero ranquean en cultura xeral. Len con dificultade textos longos, cóstalles centrar a atención e gústalles saltar de tema en tema sen afondar en ningún. Pecan de certo adanismo cultural, segundo o cal o mundo coñecido sempre foi tal e como eles o viven na actualidade, sen pasos intermedios, puntos escuros nin procesos de transición. Cústalles moito establecer comparacións, situarse noutro contexto ou entender o sentido diacrónico da Historia.

Non son capaces de identificar nesgos nun texto e caen a miúdo no presentismo, xulgando épocas, mentalidades e fenómenos pasados con códigos sociopolíticos de hoxe.  

Xa teño escrito neste mesmo xornal que para min, a responsabilidade da docencia vai máis aló do meramente instrutivo. Na docencia, como na medicina, a persoa e a experiencia van unidas e polo tanto o ensino das Humanidades ten que servir para crear un fondo de armario que lles axude no resto das asignaturas, na súa vida laboral e persoal. Unha das prácticas que máis me gusta facer cos meus alumnos e alumnas é buscar información científica en tempo real e contrastala para facer breves traballos de investigación. Cando descobren que hai vida máis aló de Google e que as fake news son tan vellos coma o mundo, son ben agradecidos. Investigar ábrelles o cambio de visión, ensínalles a diseccionar o mundo coa perspectiva do sentido crítico. Xusto todo iso ao que na escola non lle atopaban sentido e que só proporcionan as Humanidades.      

Comentarios