Opinión

A trampa mortal do individualismo

Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas, como inédita foi unha situación de pandemia que, en menos de tres meses, tiña o mundo paralizado, recluído e atemorizado. No meu caso, seguín dando aulas desde a casa e puiden, por fin, dedicarme a escribir. Tamén a durmir e a ler. Un dos fenómenos que máis me fixeron reflexionar foi o desexo colectivo esaxerado de facer cousas (limpar, facer exercicio, mercar por internet, facer sobremesas, entregarse á meditación, ver webinars ou darse unha enchenta da serie de moda) como se todo puidese reducirse a unha simple competición que exhibir nas redes sociais. Se estamos facendo continuamente algo seguimos respirando, estamos vivos. Somos, xa que logo, produtivos. 

Si, o termo produtividade está aquí traído á mantenta. Ei, un momento! Pero... non estabamos confinados? Non era este o intre soñado para relaxarnos, estar coa parella, cos fillos e fillas, con nós mesmos, para dedicarnos en definitiva a todo aquilo que non podemos facer habitualmente? Por que utilizamos a mesma escala de valores da plusvalía para referírmonos a algo tan incuantificábel como a liberdade humana? Aquí se agocha, para min, un dos maiores logros do capitalismo como sistema: cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el. Hai alienación maior? Unha forma de vida baseada nunha escravitude tan invisíbel como desexada, ten que ter éxito por natureza.

Debe estimularse o xogo libre desde idades temperás, antes que calquera outra actividade

Son abondosos os estudos neurocientíficos e psicolóxicos que demostran a importancia do lecer e do non-facer-nada e mesmo do que entendemos por aburrimento para estimular a creatividade nos seres humanos. É algo ben coñecido no desenvolvemento dos cativos e cativas, por iso debe estimularse o xogo libre desde idades temperás, antes que calquera outra actividade. Pero tamén os adultos necesitamos momentos de desconexión mental que nos permitan limpar o lixo que acumulan as nosas cabeciñas e dar paso a todas esas ideas que, nalgún momento, poden transformarse en coñecemento. Cavilo nisto ao ler diversas reportaxes que analizan a importancia das formas de ser colectivas e dos valores compartidos no éxito ou fracaso das medidas adoptadas para frear o avance da pandemia. 

Coma sempre, Oriente e Occidente tan preto e tan lonxe. O sentido de civismo, respecto aos maiores e supeditación ao ben común que impera nos países asiáticos adoita ser interpretado nesta parte do mundo baixo o prisma da falla de liberdades, poñendo o foco na suposta manipulación das poboacións. Pola contra, o individualismo exacerbado, a desconfianza nos demais e a estimulación interesada dun suposto dereito a decidir sobre un mesmo, envólvense nun discurso o suficientemente edulcorado como para facernos crer que vivimos no mellor dos mundos posíbeis. Tanto é así, que a ultradereita non se corta en facer da defensa das supostas liberdades e mesmo do desafío ás restricións estabelecidas (rebélate para ser libre) unha faísca para prender sentimentos antes que razóns. 

Se algo demostra a crise da Covid é que o individualismo é unha trampa que separa, non soluciona

Porén, a realidade é teimuda. Esta pandemia é algo máis que unha enfermidade respiratoria colectiva. Puxo de manifesto a nosa fraxilidade, as costuras do sistema, os pés de barro sobre os que se asentan as nosas idílicas vidas. Desinvestimento crónico en I+D+i, falla de persoal socio-sanitario, precarización laboral disfrazada de teletraballo, falla de políticas de protección ás persoas vulnerábeis e sen fogar, problemas ambientais, parches que non van a cerna das sucesivas crises migratorias polos desequilibrios Norte-Sur. Retos titánicos como para afrontalos individualmente. Se algo demostra a crise da Covid é que o individualismo é unha trampa que separa, non soluciona. O meu problema é tamén o do veciño que van desafiuzar, o do médico desbordado de Primaria, o da mestra do ensino público. O de todos. Para enfrontalos, non necesitamos salvapatrias nin consignas: necesitamos organización social e esforzo comunitario.

Comentarios