Opinión

‘Prime time’ tóxico na TVG

Duns anos para acó, a orixinalidade, a cultura e o entretemento de calidade desapareceron da televisión. Cando un formato triunfa, cópiase ata a saciedade, non vaia ser que alguén arrisque demais. Así acontece cos chamados concursos de talentos, tan en boga. Vémolo con cantantes, cociñeiros, magos, bailaríns, modistas (ai, se meu avó xastre que coseu uniformes para a fronte de guerra levantase a cabeza!).

O que resulta preocupante é que a exhibición de sentimentos e intimidades teña rematado por converterse nun xénero en si mesmo. Esta tendencia acadou un dos seus máximos hai uns días no programa semanal Land Rober da TVG, presentado por Roberto Vilar e producido por Destino Bergen, a súa propia produtora. Baixo a escusa de reconciliar a dous mozos novos que tomaran vieiros separados hai pouco, unha muller foi “sorprendida” pola petición pública do seu antigo mozo de retomar a relación sentimental. Foi coaccionada ante as cámaras para que lle dese unha oportunidade de “reconquistar a súa namorada”, en palabras doutra convidada a esa emisión, a presentadora de Mediaset Toñi Moreno. Visibelmente nerviosa, a rapaza rematou por contar que vivira unha relación tóxica de control por parte del, pola que mesmo chegara a deixar amizades e traballo. Por suposto, o mozo non conseguiu o que pretendía e Roberto Vilar viuse obrigado a pedir desculpas públicas nun programa diario que tamén co-presenta na TVG, Quen anda aí?: “«Nós, coa nosa boa intención de contar unha historia de amor, criamos, eu persoalmente cría, que tiñamos unha historia de amor e equivoqueime completamente. Pido desculpas á audiencia, porque fallamos, sobre todo porque fallei eu», admitiu o presentador.

Isto é todo? Así vai quedar un episodio que produce repugnancia a calquera persoa que sexa minimamente consciente do que implica a violencia de xénero? A modo de contexto, ofrezo uns breves datos extraídos da última macroenquisa sobre o tema publicada en 2020 polo Ministerio de Igualdade. Unha de cada dúas mulleres residentes en España de máis de 16 anos (algo máis do 57%) ten sufrido violencia por parte da parella ao longo da súa vida. As mulleres novas padécena en meirande medida: algo máis do 70% das enquisadas ten menos de 25 anos, que é xusto o grupo de idade no que se encadra a protagonista (involuntaria) desta historia para non durmir.

Neste caso hai algúns puntos escuros que parecen quedar tapados polas rápidas desculpas públicas. O programa pasou antes pola sala de montaxe, xa que logo, puido deixar de emitirse. A reiteradas negativas da rapaza, así como o nerviosismo que amosa desde o momento en que lle din que el está tamén no estudio deberan ter sido probas abondo da inconveniencia dese contido. Por se isto fose pouco, a outra convidada, Toñi Moreno, é a mesma que no verán de 2013 se fixo cargo do programa de tarde Entre Todos, de TVE, finalmente retirado da grella porque facía espectáculo exhibindo situacións reais complicadas (cando non directamente inhumanas) baixo o pretexto de axudar a persoas sen recursos. A pobreza como material televisivo para acougar conciencias.

Disfrazar de romanticismo o acoso e normalizar comportamentos machistas en nome do amor é moi perigoso. Diversas investigacións sobre os estereotipos de xénero entre a mocidade sitúan á omnipotencia do amor romántico, a complementariedade perfecta e os celos como principais mitos que alimentan relacións de parella tóxicas. Pero resulta escandaloso que se faga nunha canle pública, sostida cos nosos impostos. Ademais das desculpas, os galegos e galegas merecemos unha comparecencia do director xeral da CRTVG no Parlamento e unha revisión dos programas en horario de máxima audiencia, supostamente aptos para menores. Episodios coma este revelan unha falta de ética e de respecto ao mandato estatutario que se lles supón a todos os servizos públicos. E tamén, por se aos señores mandatarios da CRTVG lles esquece, porque seguen morrendo mulleres cada día polo feito de selo. Xa abonda.

Comentarios