Opinión

Mulleres, política, poder

Ana Pontón, Isabel Díaz Ayuso e Yolanda Díaz non teñen, de primeiras, moito en común. Porén, o resultado das eleccións madrileñas (agardado, por moito que o CIS de Tezanos se empeñase en debuxar outro mapa), fíxome cavilar no papel das mulleres nas esferas de poder e, nomeadamente, na política. As tres persoas mencionadas comparten tres trazos: son mulleres relativamente novas e foron quen de arrastrar votantes ou simpatizantes co seu xeito de ser e de facer. 

Co impulso dos derradeiros azos do curso académico, non hai moitos días explicaba eu aos meus estudantes de Historia do Tempo Presente as tendencias actuais dun mundo cada vez menos seguro, menos predicible a máis globalizado. Unha delas era a irrupción de novos suxeitos históricos reclamando o seu espazo político: xente moza, persoas migrantes, minorías sexuais ou raciais, mulleres. Neste último caso, a forma de ver, analizar e facer das mulleres creo que ten moito que dicir nesta etapa histórica na que estamos. 

A forma de ver, analizar e facer das mulleres creo que ten moito que dicir nesta etapa histórica na que estamos

Como é ben sabido, o camiño nunca é sinxelo para quen vive sen alento debaixo da bota. Ademais, o sistema alimenta esa desigualdade desde a súa cerna, situando as mulleres en lugares subalternos, espazos pechados, domésticos, lonxe da influencia e visibilidade do poder. Como moi acertadamente sinala a historiadora británica Mary Beard nun delicioso ensaio titulado, xustamente, Mujeres y Poder (editado por Crítica), as mulleres non só estamos “deseñadas para fallar”, senón que se nos aprende a todos a non detectar autoridade na voz e no discurso femininos. As que estamos nas aulas e non contamos coa baza dunha presenza física impoñente para reforzar a nosa autoridade, sabemos o difícil que resulta asentar o liderado por outras vías. Mais, cando se consegue, adoita ser unha preeminencia duradeira e moito máis sólida que a masculina, habitualmente explosiva e confrontadora.

Vén isto a conto a raíz do cada vez máis palpable rol dominante das mulleres no espazo político, xusto nun momento dominado polo cualificativo groso e os berros desatados nese patio de egos, inmadureces e traumas que son as consabidas redes sociais. Coma sempre, todo en Galicia acontece antes, pero este prima non adoita aparecer nos medios do Estado español. Galicia abriu antes ca ninguén o camiño para a diversidade e fraccionamento do arco parlamentario (primeiro en 2012 con AGE; logo en 2016 con En Marea) e tamén foi a primeira en deixar de transitar esa senda nas eleccións de 2020. Os galegos e galegas dixemos que xa abondaba de experimentos e depositamos unha renovada confianza nas tres forzas, chamémoslle clásicas: PP, PSOE e BNG. Falando en calidade de cidadá e non de militante, creo honestamente que o papel de Ana Pontón tivo e ten moito que ver no éxito incontestable do BNG como líder da oposición. Unha deputada con ampla experiencia parlamentaria, coñecemento da organización e discurso sólido que é quen de chegar á xente sen estridencias e sen mancharse na lama dialéctica para quedar por riba. A cidadanía percibiu iso, que en palabras do común é o que as nosas nais e avoas denominaron sempre man esquerda ou, simplemente, sentidiño. 

A cidadanía percibiu iso, que en palabras do común é o que as nosas nais e avoas denominaron sempre man esquerda

En efecto, penso que as mulleres temos esa capacidade de tender pontes, de buscar o entendemento desde a calor do debate e non desde a friaxe do combate. Precisamente polo feito de que, desde que o mundo é mundo, non tivemos outra alternativa para facernos oír que ir paseniño e ás caladas, como as serpes, buscando os ocos a través dos que coar a nosa voz. E isto, desde logo, sen deixar de ter a pota ao lume e os meniños axeitados, que iso era, en principio, o noso cometido natural para asegurar a continuidade da vida e do planeta.

Di tamén Mary Beard que toda persoa ten a obriga de estar informada e non pode “desenchufarse” dos problemas colectivos. Máis aló das ideas coas que cadaquén comungue, Isabel, Yolanda e Ana, entre outras, son o exemplo de que na política sobra testosterona e falla conexión cos potenciais votantes.

Comentarios