Opinión

A ditadura do espectáculo

Cando facía os cursos de Doutoramento hai xa algúns aniños, tiven una profesora de Arte contemporánea que me fixo ler “A sociedade do espectáculo” de Guy Debord. É un libro publicado en 1967 pero que segue mais vixente ca nunca. A través dunha serie de teses, o autor, filósofo situacionista, defende que todo na sociedade moderna pode reducirse a unha representación, un espectáculo, susceptible de ser mercantilizado e vendido infinitas veces. O prezo, claro, é entre outras cousas, a orixinalidade.

Teño pensado moitas veces nese libriño, non excesivamente groso, vendo a deriva que toman as canles de televisión. Hoxe en día, calquera contido debe pasar polo filtro da espectacularización: cociña, música, moda ou mesmo reformas domésticas, téñense convertido nun mero entretemento onde o importante non é, coma antes, formar e divertir, senón simplemente entreter. As distintas canles repiten o formato con mínimas variantes, conscientes de que, calquera que sexa a escusa que sustenta o programa, a mecánica debe ser moi similar. Se non hai espectáculo, non hai éxito.

Ata a TVG sucumbe sen vergoña a esta tendencia. Atrás quedan programas como Grandes Lugares (moi apegado á idiosincrasia galega) ou concursos de sobremesa como Cifras e letras ou Coma un allo, ambos con divulgadores científicos coma o físico Jorge Mira. De xeito silencioso, simplemente deixan de renovarse e desaparecen da grella sen máis explicación nunha especie de “ghosting” televisivo que amosa moi pouco respecto polas persoas telespectadoras.

Dentro desta tendencia ao meu xuízo seguidista e infantilizante, destacan dous programas que bordean a falla de ética. O primeiro é Galicia bonita e o outro é A miña familia pola túa. Paga a pena debullalos minimamente, para que os lectores e lectoras desta columna comprendan as implicacións deste xeito de facer televisión e os valores que transmite, en absoluto neutrais. Galicia bonita busca facer obras en vivendas privadas coa fin de rematar co “feísmo” e axeitar os fogares galegos. Baixo esta en principio admirable premisa, agóchase unha ridiculización do xeito de vivir, especialmente nas aldeas e núcleos rurais, estimulando o enfrontamento entre os propietarios da vivenda e o equipo que supostamente vai axudar. A mecánica busca sobredimensionar os atrancos do proceso, mantendo a tensión aínda que iso supoña facer cousas coas que os membros da familia beneficiaria non concordan. Todo se soluciona felizmente, non sen as necesarias pingas de drama inherentes a todo espectáculo. Aínda máis retorto na súa concepción resulta. A miña familia pola túa, un “reality” no que dúas familias, aparentemente antagónicas en valores e horizontes vitais, son obrigadas a intercambiaren os seus fogares para descubriren outros xeitos de vivir. A oposición campo/cidade chega a extremos denigrantes, como o caso no que a nai de familia urbanita camiñaba por unha leira chea de patacas con zapatos de tacón de 12 centímetros, mentres a súa homóloga campestre era levada a un sofisticado salón de beleza para depilarse e maquillarse (desde cando vivir no campo é sinónimo de falla de aseo ou preocupación polo aspecto persoal?). Ademais, o proceso de “adaptación“ á vida allea aparece trufado de enfrontamentos verbais e comportamentos pouco edificantes (exemplos vistos nas promos: botar comida ou cuspe ao chan, berrar, usar linguaxe malsoante, bater as portas). Este é o nivel dalgúns programas en prime-time da canle que pagamos todos e todas.   

Mais aló de gustos, o que quero resaltar é a falla de compromiso de certos medios públicos cuns valores que se supoñen por riba da procura de audiencias. Ten o público a televisión que quere ou simplemente consume o que hai? Vendo a fuga de público a plataformas de pago e ao consumo en diferido, semella que non todo pode apoñerse a un cambio de hábitos. Desde logo, eu non quero esta TVG. Estou certa que os profesionais de #DefendeAGalega, tampouco. Espectáculo si, pero non a calquera prezo.

Comentarios