Opinión

Buscadores de certezas

Deu comezo un novo curso de pospandemia cheo de incertezas. Se algo sabemos facer o persoal sanitario e o docente é manexar a falta de seguridade, camiñar sobre a corda, dar pasos sobre chan movedizo. Unha das cousas que máis me gusta de ensinar Historia do Tempo Presente (de 1945 en adiante, ata a actualidade), é a posibilidade de traballar con fenómenos recentes, de rabiosa actualidade, pero que teñen alicerces máis fondos do que a primeira vista parece. Niso consiste, en parte, ensinar Historia: ir desenterrando as raíces dos acontecementos para conectalos antes de 

comprendelos. 

Cando abordo na aula fenómenos complexos, sempre hai un momento no que os estudantes fan a mesma pregunta «Pero profe, isto é bo ou malo?» Nunca teño respostas terminantes porque depende da perspectiva con que se considere a cuestión. Adoito responder sempre matizando que todas as decisións teñen consecuencias. Tampouco son devota da idea de que a Historia ten a misión de evitar erros. Non existe a neutralidade, nin podemos afirmar que algo é absolutamente positivo nin negativo. Entón os meus estudantes quedan abraiados porque esperaban solucións e só teñen preguntas. A mocidade de hoxe degoira certezas, pero ensinar tamén é axudar a dubidar. 

A dúbida é a base da ciencia, do coñecemento e, en definitiva, do avance do saber humano. Comprobámolo a diario no incesante goteo de novas sobre a loita contra o coronavirus. Logo dun longuísimo ano de pandemia, hoxe sabemos moito máis ca antes, pero seguimos acumulando incertezas. As vacinas son eficaces, si, pero non sabemos cómo responderán ante as mutacións dos virus, que xa tivo tempo abondo para adaptarse. As vacinas protexen, si, pero non sabemos cómo reaccionan no corpo dun adolescente ou dun neno. Chegados a este punto, non quixera que me malinterpretasen as persoas lectoras desta columna: antes que desprestixiar as vacinas, só pretendo poñer un exemplo de fácil comprensión sobre a dificultade de acumular evidencias sólidas. A medida que sabemos, imos deixando tras de nós un regueiro de incertezas. Cada unha delas é un fito que cómpre desentrañar, configurando un camiño continuo que nunca atopa final. 

Xa que logo, volvo ao que expresaba antes: nun tempo no que a dúbida é fundamental para avanzar, todo nos leva á procura desenfreada de certezas. As redes sociais, a prensa, a televisión, abouxan as nosas conciencian con dicotomías imposibles: branco/negro; bo/malo; español/antipatriota. Cada situación, cada persoa, cada característica, ten que ser o seu contrario absoluto para darnos unha falsa seguridade. Así, podemos aferrarnos ás palabras para identificarnos, a modo de refuxio estable nestes tempos tan confusos. Mais esa estratexia, moi útil a nivel emocional porque apela a unha necesidade primaria, vai socavando amodiño unha das características máis valiosas que temos como especie: a de aprender de xeito indefinido para pensar con criterio. 

A capacidade de cuestionar o mundo e modificar o previamente sabido nace con nós e, contrariamente á crenza estendida, non se perde nunca (só diminúe ou vólvese lenta en idades avanzadas). Tamén outros primates superiores como gorilas ou chimpancés teñen capacidade de aprender, pero máis limitada e orientada a fins concretos, sen continuidade. Por iso, cuestionar as certezas e adaptarnos a unha contorna cambiante axuda a entender mellor o mundo e a desenvolver ferramentas para vivir mellor. Xusto o contrario do que persegue o algoritmo das redes sociais, que tende a proporcionarnos só a información que reforza o noso punto de vista previo. Entre ese branco e ese negro, hai unha ampla escala de grises na que adoita estar a cerna de calquera cuestión importante.  Cando xorde o famoso «Pero profe, isto é bo ou malo?» respondo que a Historia non é unha colección de respostas, senón un arsenal para aprender a facer mellores preguntas. As que están, claro, no medio da escala, onde o branco non é inmaculado nin o negro insondable. 

Comentarios