Opinión

Xa van moitas

Morriña, saudade, afouteza... está claro que a nosa lingua expresa sentimento. Un sentimento que enraíza na Terra e que sae de todos nós, un sentimento de pertenza a algo máis grande, quizais forxado nas casas comúns castrexas, quen sabe, está no noso ADN. A fachenda de ser de Galicia está, xa que logo, dentro de todos nós.

Ilusión, cambio, ruptura, nova política... foi unha baza na que moita xente acreditou, cando algúns sabíamos que todo estaba inventado. Pero os listos xogaron con esa mensaxe, case con éxito.

En Galicia pretenderon mesturar o sentimento coa mensaxe de laboratorio da Complutense, e así pretenderon vender un produto con un nome bonito: En Marea. TRABUCÁRONSE, e aínda están como a NASA buscando no “espazo”, non saben, meus pobres, que o espazo é baleiro. Máis xa van moitas as veces que se utiliza a Galicia para facer experimentos políticos que logo se aplican noutro lugar. É hora de parar, é hora de dar a Galicia DIGNIDADE, e non se vai a dar falando de: espazo, ruptura, confluencia, proceso ...

En Galicia pretenderon mesturar o sentimento coa mensaxe de laboratorio da Complutense, e así pretenderon vender un produto con un nome bonito: En Marea

 

Pero estamos diante dun problema, a xente que precisaba de ilusión foi enganada, a xente que precisaba de País foi enganada, a xente que precisaba de defensa tamén foi enganada. Galicia non precisa dun proxecto endogámico que leva máis dun ano falando de si mesmo. A nosa Terra precisa de mulleres e homes con fachenda, con forza e con sentimento para erguela, para darlle dignidade e para facer valer o peso de máis de 2.718.525 corazóns que se senten galegos, que senten Galicia e que queren vivir nesta Terra con dignidade. Sentimento que non precisa ser “confederal”, senón real e forte.

Sentimento que non precisa ser “confederal”, senón real e forte

 

Parece que as caretas caeron, o panorama despexa, os que xogaron coa ilusión xa se ve agora que son cativos de corazón, tanto ten que se suban o soldo, tanto que incluso fallaron ó seu lema de mudalo todo, para ser a peor expresión da rancia política.

Queda libre un camiño para un compromiso real con Galicia, é a hora dos auténticos galeguistas, os que están cando teñen que estar, os que acreditan en Galicia como potencia, como realidade e como País, con sentidiño e sen teimas e roturas, construíndo e sumando sen muros.

Comentarios