Opinión

Carmela, o Estatuto tamén se cumpre

Lembro, cando estudaba, que a organización de Grecia en cidades estado me resultaba interesante, supoño polo que vai acontecendo que a Abel Caballero e a Carmela Silva tamén. Digo isto porque aplican unha política similar nas súas atribucións e queren que Vigo e a Deputación de Pontevedra sexan unha sorte de Cidades Estado sen ter que render contas a ninguén en ningures.

Caballero constantemente menospreza o noso Parlamento e os mecanismos públicos da Xunta de Galicia, non digo o goberno da Xunta, iso é política, refírome aos seus mecanismos de control. Carmela Silva acaba de facer o mesmo non querendo comparecer no Parlamento para dar conta dos orzamentos da Deputación. Como se o fan os seus homólogos de Lugo, Coruña e Ourense, do que podemos desprender que é unha posición persoal e non de partido.

O peor do tema é que o fai desprezando Galicia e o Estatuto de Autonomía, ese contrato entre os galegos e galegas de 1981 e o goberno do Estado, o mecanismo para facer o noso País. Iso máis un regulamento da Cámara galega que regula esta cuestión, posicións aprobadas no seu día polo seu partido.

Carmela Silva despreza Galicia e o Estatuto de Autonomía, ese contrato entre os galegos e galegas de 1981 e o goberno do Estado

 

É para min unha afronta a Galicia escudarse nunha interpretación da Constitución para non dar conta ós galegos, que aínda que sexamos de fóra de Pontevedra aportamos cartos aos seus orzamentos. Esta sorte de posicións personalistas e populistas son un dano constante á política porque unicamente responden a unha posición egoísta e centrada na súa imaxe persoal cando no fondo da situación está un debate persoal na presentación das contas doutro ano.

É hora de que Gonzalo Caballero demostre que pode ser xestor de Galicia e actúe con contundencia para facer cumprir o noso Estatuto, mais coido que non vai ser así, porque el mesmo dubida da súa capacidade, por iso adiantou as primarias.

Mal camiño de progreso espera a Galicia cando os Presidentes das Deputacións non respectan o marco legal que pode facer avanzar no autogoberno e nas competencias, un Estatuto que cómpre traballar para afrontar en breve unha ampla reforma do mesmo que o traia do século XX a unha nova realidade do encaixe de Galicia en Europa e no Mundo. Esa visión é a que dinamita Carmela Silva, quizais ese sexa o fondo da cuestión, a visión centralista e xacobina do Estado do PSdG.

Comentarios