Opinión

Saúde mental e adolescentes: unha epidemia sen atender

Agosto chega ao seu final e nas casas xa se percibe o cambio de rutinas. As toallas das praia e a crema solar solápanse coas listaxes de material escolar, co arrecendo dos libros de texto e cos rolos de forro plástico para os máis nostálxicos amantes do ritual do inicio do curso académico. Nos centros de ensino, o ritmo cambia tamén. O equipo docente apúrase a preparar as aulas para recibir os seus alumnos e alumnas coas mellores intencións para sacar un novo curso adiante.

Un curso que comeza cunha alerta importante: lembraremos o 2021-22 como aquel ano no que se revelou o importante sufrimento psicolóxico que están a padecer os rapaces e rapazas. Pode que sexa a etapa vital máis incomprendida, a pesar de que todo adulto pasou por ela. Autolesións, ideación suicida, depresión, ansiedade, alteracións do estado de ánimo, angustia..., todo isto fómolo atopando no estudo que estamos desenvolvendo a nivel estatal a través do Consejo General de la Psicología, PsiCE (Psicoloxía en contextos educativos). 

Un 25% dos mozos e mozas toma psicofármacos e a metade manifesta ter sufrido problemas psicolóxicos, psiquiátricos ou de saúde mental

Sorprenderíalles saber cantos compañeiros e compañeiras do seu fillo ou filla están a tomar psicofármacos. Desde os máis pequenos, coa medicación para o TDAH, a antidepresivos ou ansiolíticos. Segundo unha enquisa da Fundación FAD Juventud, un 25% dos mozos e mozas toma psicofármacos e a metade manifesta ter sufrido problemas psicolóxicos, psiquiátricos ou de saúde mental nos últimos doce meses.

De acordo, temos un problema: como o atallamos? A Administración, pola presión social, vese na obriga de anunciar medidas dirixidas a atender a súa saúde mental: plans de benestar emocional, coordinadores de benestar... Figuras aparentemente innovadoras que veñen a resolver un problema agravado, pero máis vello que andar a pé. Na miña experiencia como orientador, de case cinco décadas, podo asegurarlles sen reservas que os problemas emocionais están detrás de boa parte do fracaso escolar.

Un problema que agora preocupa porque hai unha maior sensibilidade pola saúde mental, pero tamén porque está a ser máis disruptivo: que unha ambulancia teña que vir ao centro educativo por un ataque de ansiedade dunha alumna é grave; cando se dan tres casos nunha semana, é alarmante.

O problema está en que esas novas figuras son só intencións e descargan no propio centro educativo para que entre o seu persoal docente busque quen exerce esas funcións de coidado emocional. Isto non se atalla con charlas, con parches nin con inventos pseudocientíficos.

Podo asegurarlles sen reservas que os problemas emocionais están detrás de boa parte do fracaso escolar

É urxente atender as necesidades psicolóxicas do alumnado e iso só se pode facer a través da integración dos servizos de intervención psicolóxica nos propios centros educativos, que desenvolvan programas de atención integral que supoñen unha mellora no benestar psicolóxico e no rendemento educativo dos nenos, nenas e adolescentes.

Ademais, neste sentido non serve a óptica neoliberal de quen poida, que o pague. Estas problemáticas só poden atallarse con eficacia traballando no contexto educativo, traballando coa comunidade. Como pode intervirse sobre unha problemática de acoso escolar desde fóra? Como previr a violencia de xénero de xeito individual? Como detectar precozmente un problema por un uso abusivo da tecnoloxía sen relacionalo co rendemento educativo? Como ofrecer unha educación afectivo-sexual, como aprender a xestionar as emocións sen contemplar as relacións cos iguais?

A prevención é unha das funcións principais da psicoloxía educativa, que permitiría reducir ou eliminar a aparición de problemas psicolóxicos ao longo desta etapa evolutiva, ao tempo que nos permitiría promover a resistencia e a recuperación do funcionamento óptico en cada rapaz ou rapaza. Investir en prevención é aforrar nas intervencións sobre problemáticas futuras, pero é tamén asentar os alicerces dunha sociedade máis saudable, con maior benestar.

Confeso que sinto moita frustración ao comprobar que se identifica unha "pandemia" na saúde mental dos e das adolescentes, pero non se lles proporciona os recursos para atendela. A psicoloxía educativa é unha necesidade urxente nas nosas aulas e debe formar parte da listaxe de necesidades para o novo curso, xunto con libros, cadernos e cores.

Comentarios