domingo 19/09/21

Resposta a Eduardo Maragoto

Caro Eduardo:

Agradézoche o interese polo meu traballo na túa “Carta aberta” do pasado 3 de xuño e o ton cordial e propositivo desta. Citas nela un texto meu, “Horizontes do idioma galego” (2013), onde se propuña incrementar a competencia da cidadanía galega en portugués, aproveitar o idioma irmán para a modernización do noso e intensificar o contacto coas culturas de expresión lusófona. Permíteme que me remonte un chisco máis atrás, ao manifesto “Por un proxecto de futuro para o idioma galego” (2010), redactado por min e apoiado dun grupo de intelectuais, que atinxira un considerable impacto. Quen queira consultalo pode localizalo na rede. Nel postulábase que “a identidade do galego non debe ser posta en cuestión, ao tempo que se debe pór en valor a súa condición de idioma-ponte cara ao mundo luso-brasileiro”, e tamén se reclamaba aposta en marcha un abano de políticas cara a este, comezando pola “promoción da competencia comunicativa en lingua portuguesa para a cidadanía galega, que pasa por universalizar a oferta de estudo do portugués na educación secundaria e favorecer a circulación de produtos culturais e audiovisuais en portugués no noso país”. Se non me engano, este é un dos primeiros textos en que se formula de xeito explícito tal demanda. (Por certo, os meus parabéns a Ana Pontón, que a acaba de volver pór sobre a mesa). Deste xeito, nese manifesto adiántanse propostas que logo tomarían corpo na Lei Paz-Andrade aprobada no Parlamento de Galicia en 2014.

Pero o tema central do teu artigo era o binormativismo. Para que tal cousa exista, ten que haber dúas normas. Unha delas —ti mesmo o dis— sería a oficial do galego, pero cal sería a outra? Supoño que a do portugués, europeo ou brasileiro. Cumpriría unha clarificación previa sobre este punto fundamental, porque, se así fose, en realidade estariamos falando do status do portugués en Galicia. Podo albiscar as vantaxes que tería para nós un certo recoñecemento oficial do portugués, que iría acompañado de políticas de fomento na liña das apuntadas na propia Lei Paz-Andrade. Entendo que unha vez determinado o alcance do dito recoñecemento, habería que contemplar algún tipo de iniciativa recíproca cara ao galego por parte de Portugal e Brasil.

Na sociedade civil deses países xa se deron pasos significativos. Lembremos os dous números recentes do Jornal de Letras sobre Galicia ou o informado libro de Fernando Venâncio, Assim nasceu uma língua, que leva esgotadas tres edicións. Nunca se falou tanto do galego nos medios de comunicación portugueses coma nos últimos tempos. E como non recordar a cordial acollida que o ano pasado dispensou a Academia Brasileira de Letras á Real Academia Galega? Teño gravado o emocionante discurso de benvida de Nélida Piñón, en que evocou como na súa infancia, ao aprender o galego na terra dos seus devanceiros “navegara polas augas interiores da lingua portuguesa”. De máis a máis, dou fe de que no ámbito universitario o galego goza xa dun amplo recoñecemento, en Portugal tanto coma no Brasil. A fío disto, acódeme a reacción dun compañeiro da Facultade, que, ao ver un texto meu en galego no Anuário de Comunicação Lusófona, me espetou: “E logo tu és lusófono?”. Ao que retruquei: “Se me recoñecen como tal sen deixar de ser galego...”.

Na túa carta advirtes do risco de que as propostas enunciadas fiquen en auga de castañas, e defendes o binormativismo como única garantía para evitalo. Pero ao que ti chamas binormativismo eu chamaríalle recoñecemento do portugués, e, aínda que partillo a túa inquedanza, sosteño que a súa realización práctica vai depender das iniciativas de gobernos, institucións, cidadáns e empresas —de políticas activas e eficaces—, non do nome que lle poñamos. Sería bo baixarmos de debates nominais aos problemas reais, comezando polos máis prementes, moi graves, para o galego. Con boa vontade, perseveranza e siso, podemos desenlear nobelos longo tempo enguedellados. Apertas galeguistas!

comentarios