Opinión

A gheada reivindicada

A gheada é un trazo característico das falas populares da meirande parte do dominio galego. Tradicionalmente excluída da fala culta, está sendo revalorizada por falantes, cantantes e artistas orais como un risco dotado de autenticidade, de expresividade e dunha certa connotación subversiva contra un estándar oral que se percibe como artificial, irto e distante. Esta revalorización suscita a repulsa dun sector de lingüistas. Por que? O que se adoita argumentar é que a gheada é o produto da interferencia do castelán no galego, e, por tanto, debe ser depurada. O fundamento deste razoamento é falso ou, como mínimo, discutible. A hipótese da orixe castelanista da gheada apóiase en esteos fraquísimos. A vella e intensa discusión científica sobre este asunto pode darse practicamente por pechada a favor da hipótese alternativa, que postula unha orixe autóctona. Non pretendo, por imposible, ventilar este debate nun artigo de prensa. Quero subliñar que a estigmatización da gheada vén de moi atrás, ten unha inequívoca motivación social e unha función discriminatoria. Entre moitas outras, poden citarse descualificacións coma a de Cuveiro Piñol (El habla gallega, 1876), que a rexeita como un vulgarismo que "sólo acontece entre individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc.". O escritor Marcial Valladares aseguraba que "las geadas son un defecto de la gente idiota" (Diccionario gallego-castellano, 1884), que só se podería desculpar "en boca de gente zafia" (Elementos de gramática gallega, 1892).

Co alborexar do nacionalismo galego, á descualificación social sumouse o acento xenofóbico e así, nos inicios do século XX Victoriano Taibo refugou con desprezo o que chamou "jota bárbara y africana". Máis tarde, o escritor Carré Alvarellos defendía que cumpría desbotar ese "sonido extraño y desapacible, signo de rusticidad e incultura", que segundo el era unha "horrible contaminación castellana de origen africano" (1956). Seguramente, a gheada non provén dunha interferencia do castelán (e, desde logo, non ten raíces africanas), pero, en caso de dúbida, non sería asisado basearse soamente no criterio da orixe para condenala, revestindo impresentables estigmas sociais, fondamente arraigados, de argumentos científicos ou ideolóxicos máis presentables. Será casualidade que un dos trazos máis característicos do galego popular, distintivo fronte ao castelán, con que boa parte de galegofalantes se identifica, sexa ao mesmo tempo o máis deostado? Condenalo é contribuír a alimentar prexuízos deplorables e fomentar o sentimento de inferioridade dos e das falantes en nome dun purismo que neste caso é excesivo, irracional e infundado.

Comentarios