domingo 19/09/21

O galego internacional: un problema de comunicación

Réplica á carta aberta “Continuemos: "binormativismo" ou "reconhecimento oficial do português"? ”, asinada por Eduardo Maragoto, presidente da Agal, e publicada o pasado 5 de agosto

Prezado Eduardo:

Disimularás a demora na resposta á túa carta do pasado 5 de agosto arredor do binormativismo. Levo moi ocupado esta tempada, entre outras razóns, porque estou rematando un libro sobre o idioma galego baixo o franquismo, que, segundo agardo, virá a lume antes de fin de ano nos prelos de Galaxia. Imos logo ao noso sarillo: eu propuxera outorgar ao portugués un certo recoñecemento oficial, en termos que habería que estudar. Sen rexeitares isto, ti obxectaches que tal cousa depende de instancias sobre os que a nosa influencia é limitada e puxeches como exemplo a dificultade que entrañaría unha reforma da Constitución española, que coidas imprescindible. Esta reacción éche moi galega: poñermos cancelas ás propias aspiracións antes de que nolas poñan outros.

O galego normativo é perfectamente comprensible —non moito menos ca o reintegrado— polos falantes dos distintos portugueses (europeo, brasileiro, ...), tanto na fala coma na escrita

Se reparas no caso do aranés, decataraste de que non existe tal dificultade. No artigo 3.4 do Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1979 dicíase: “A fala aranesa será obxecto de ensino e de especial respecto e protección”. En troques, no artigo 6.5 do novo Estatuto de autonomía de 2006, estipúlase: “A lingua occitana, denominada aranés en Arán, é a lingua propia deste territorio e é oficial en Cataluña, de acordo co establecido polo presente Estatuto e as leis de normalización lingüística”. O Tribunal Constitucional non deu chío sobre iso, así que hai que supor que nada se oporía a que un novo Estatuto de Galicia contivese un precepto do tipo: “A lingua portuguesa, historicamente emparentada coa galega, será obxecto de ensino e gozará de recoñecemento oficial, nos termos establecidos por lei”. Retrucarás: así e todo, teremos que reformar o noso Estatuto de autonomía. De certo, así é, pero esa reforma é cada vez máis necesaria por múltiples razóns e non pode pasar moito tempo sen que se acabe pondo sobre a mesa. Lembremos que o noso Estatuto e o de Euskadi son os únicos que non foron reformados desde a súa aprobación. Por parte, como ti mesmo sinalas, a Lei Paz-Andrade ofrece un bo punto de partida, sempre que sexa implementada ao xeito.

Paso agora a comentar a túa proposta sobre o binormativismo. Ao meu entender, colocar a cuestión en termos de lingua e identidade leva a un “beco sen saída”. O discurso que se está tecendo ao fío desta proposta, que opón un “galego internacional” (o portugués) a un “galego local” (o da RAG), seméllame daniño para o noso idioma e inaceptable para [email protected] galegofalantes. Explícome: o galego normativo é perfectamente comprensible —non moito menos ca o reintegrado— polos falantes dos distintos portugueses (europeo, brasileiro...), tanto na fala coma na escrita. É, sinxelamente, cuestión de que estes teñan a oportunidade e a motivación para entraren en contacto con falantes do galego e con textos, orais e escritos, no noso idioma. Máis ou menos, aplícase o mesmo á nosa comprensión do portugués. Como sabes, teño unha ampla experiencia neste sentido no ámbito universitario, reforzada pola participación nos últimos meses en mesas de debate en liña xunto a colegas portugueses e brasileiros (un exemplo: https://www.youtube.com/watch?v=Rm55ZVKdn9A&feature=youtu.be). Non existe un galego local e outro internacional; precisamente do que temos que convencer a nosa sociedade é de que, sen deixar de ser unha lingua local, grazas á semellanza co portugués, o galego tamén é internacional.

Do que temos que convencer a nosa sociedade é de que, sen deixar de ser unha lingua local, grazas á semellanza co portugués, o galego tamén é internacional

É por iso que propoño colocarmos o eixo do debate non na lingua e a identidade, mais no repertorio lingüístico e na comunicación. Centremos os esforzos na ampliación do repertorio [email protected] [email protected] para activarmos a nosa competencia dormente en portugués, poñamos os medios para mellorala e multipliquemos as ocasións para exercitala mediante a intensificación das comunicacións con falantes de portugués e dos contactos con textos nesa lingua. A nosa auto-estima e seguranza lingüísticas, a nosa confianza nas posibilidades do galego, e mesmo a calidade deste, sairán gañando. Que é do que se trata. Non si?

comentarios