Opinión

Realpolitik

Dixo hai pouco Rodríguez Zapatero, apoiando o recuado do PSOE con respecto ao Sahara, que "lo que no es Realpolitik no es política". Sabemos ben o que se quere dicir: renunciar ás ideas e aos principios éticos e morais. Hai que estar na realidade? Ben! Estamos a padecer unha sucesión de crises económicas que, desde 1973, propician unha nova fase de acumulación do capital que impón políticas tendentes a liquidar definitivamente o réxime fordista-keynesiano posterior á Segunda Guerra Mundial que deu lugar ao chamado Estado de benestar. Este asalto neoliberal, iniciado cos liderados de Reagan e Thatcher, acelerou vertixinosamente tendencias básicas do capitalismo, como a intensificación da explotación e o sometemento de todo o existente á súa lóxica de acumulación e de expansión.

Vivimos unha guerra de clases na que o neoliberalismo conseguiu conquistar o sentido común, logrando ser aceptado coma un xeito natural de regular a orde social, e desactivar os movementos de transformación social. Mudanza que foi posíbel pola colaboración fundamental e necesaria dunha socialdemocracia entregada de cheo a un proxecto que, após máis de corenta anos de gobernanza global neoliberal e de involución democrática, nos está a conducir a un desastre social e medioambiental; a un desastre civilizatorio.

Estamos inmersos nun proceso de reconfiguración do patrón de poder hexemómico, no que a desigualdade social e o poder das oligarquías medran sen cesar. Un proceso onde a manipulación e o control dos recursos mediáticos e tecnolóxicos está a facilitar a tecnocratización das relacións humanas e a insensibilización fronte á destrución da natureza e o desposuimento do común. Patrón de poder que está a posibilitar a mercantilización das experiencias da vida, así coma contribuíndo poderosamente ao medre do individualismo e de condutas egoístas disfrazadas de liberdade individual. Todo un arsenal de ideas, emocións, técnicas, produtos sociais e valores culturais, orientados ao consentimento e á submisión, para que pensar outro mundo posíbel semelle un delirio de trastornados.

Con certeza que vivimos maos momentos para líricas revolucionarias, onde aínda mantemos estilos de pensamento e de acción carentes de vitalidade e que perderon moita capacidade de atracción e de orientación das masas. Nostalxias ou inercias que, por certo, vai sendo hora de recoñecer e de abordar sen medos. Mais, o que si semella necesario nestes momentos é manter e alentar un espírito de rebeldía, que sempre constituíu un aporte de frescura e de esperanza, e que segue a ser un dos mellores xeitos de manter viva a posibilidade de trastocar a orde estabelecida. Unha rebeldía como ética, como desafío, como incorformismo e como negación a tragar coa inxustiza. Rebeldía que, ao longo do tempo, se ten manifestado contra a privación de dereitos, contra a negación de identidades, contra a supresión de liberdades ou contra xeitos de desposuimento económico que, como agora, se amosan na carestía da vida e na perda de poder adquisitivo. Rebeldía que fornece moitas das loitas de resistencia acontecidas no mundo nos últimos anos, xurdidas contra da voraz transferencia de rendas das clases populares cara aos petos das oligarquías, e desafiando á grande mentira que se agacha tras a retórica da austeridade e dos sacrificios compartidos. Resistencias que, malia ser ferozmente combatidas, deostadas e desprezadas pola razón cínica e elitista, fan parte da procura radical e sen fin dun mundo máis xusto e igualitario.

Envolvidos de progresismo e de realpolitik, dísenos que facer política real consiste en estar a ben cos plutócratas, en non prexudicar os intereses das corporacións multinacionais, en conservar os privilexios relixiosos, en abandonar o compromiso cos pobos submetidos ou en manter leis para amordazar as expresións de malestar. Realpolitik para desalentar a construción dunha sociedade radicalmente democrática, solidaria, respectuosa da natureza e conscientemente construída co apoio e a mobilización da maioría da xente; pragmatismo submiso para evitar unha sociedade na que sexa a maioría, e non unha elite, a beneficiaria da riqueza social. Mais hoxe, coma sempre, a rebeldía segue a ser imprescindíbel para frear a barbarie!

Comentarios