Opinión

A protesta segue criminalizada

Os ricos e privilexiados devecen por vivir tranquilos. Queren gozar das enormes posibilidades que a súa riqueza lles proporciona sen molestias, inxerencias e limitacións, pretendendo que creamos que a desigualdade, amais de constituír un estímulo, fai parte da orde natural. Os seus medios de propaganda procuran que, coma permanentes espectadores, nos afagamos ao seu suntuoso tren de vida e que acabemos valorando a redistribución e a xustiza social coma un final escuro e triste da película da vida. Mais o poder e o privilexio son tamén conscientes de que a indignación e a resistencia social non se acalan exclusivamente a base da manipulación e da enxeñaría do consentimento, por moi sofisticadas e eficaces que estas sexan na actualidade. O recurso á coerción e á represión sempre está aí, cru e nu, para atallar arelas e comportamentos de quen pensa que os dereitos, a liberdade, a cidadanía e a democracia non casan con este modelo de apropiación e acumulación.

Con certeza que o capitalismo é un modelo xerador de obscenas desigualdades e, xa que logo, disfuncional á democracia. De feito, fronte á idea clásica liberal dun mercado baixo a vixilancia do Estado, hoxe o neoliberalismo trata de situar o Estado baixo o sometemento e a vixilancia do mercado, é dicir, un Estado sempre disposto a gobernar en función das necesidades dos propietarios do capital. Para os neoliberais o correcto funcionamento do mercado áchase na competencia e na desigualdade que xorde a raíz do funcionamento deste. E contan cun modelo punitivo e sancionador, montado sobre esta ideoloxía de discurso contraigualitario, que reforza tanto esa desigualdade coma o control do descontento social.

O progreso democrático sempre foi un atranco para o dominio do capital e, polo mesmo, nos sistemas actuais a democracia está cada vez máis constrinxida

Porén, por moito que hoxe se esqueza, a democracia non só evolucionou coma un mero procedemento electoral senón coma un proceso de participación social e política no que se cuestionaba a propiedade oligárquica da riqueza, reclamando unha redistribución xusta da mesma, avanzando mediante loitas e mudanzas para conquistar niveis cada vez máis amplos dunha igualdade política que posibilitase as bases para rematar coas desigualdades socioeconómicas. Do que se trataba era de exercer a liberdade política para atacar as inxustas fendas entre os seres humanos. Por isto, o progreso democrático sempre foi un atranco para o dominio do capital e, polo mesmo, nos sistemas actuais a democracia está cada vez máis constrinxida aos aspectos formais, procedementais e elitistas da mesma. Nesta dinámica, hai que entender a expansión e indeterminación dos tipos penais e das infraccións administrativas para castigar as "desordes públicas", ou as "alteracións da paz pública" e da "seguridade cidadá".

No Estado español, desde 2015, tanto a modificación do Código penal como a lei de Seguridade Cidadá significaron un chanzo máis na criminalización da protesta e na procura da desmobilización no que acertadamente se definiu como Lei mordaza. E, hoxe, aí continúa vixente esa lei mordaza ateigada de imprecisións e vaguidades coas que pór mala cara, solicitar a un axente que se identifique, pedir explicacións, falar galego ou gravar intervencións policiais pode rematar tranquilamente nunha sanción. Aí fica, tamén, a actual reforma do delito de desordes públicas onde se introduce o concepto de intimidación, onde participar nunha mobilización numerosa significa un agravante ou onde incluso a ocupación pacífica dun local aberto ao público segue a ser delito. Permanecen conceptos e expresións ambiguas e pouco precisas contra as que, a nivel internacional, o Comité de Dereitos Humanos da ONU ven alertando desde hai tempo e sobre os que Amnistía Internacional tamén ten manifestado grande preocupación.

E outra reflexión para rematar. Creo non fantasiar se digo que neste reino a extrema dereita acostuma ser moi ben tratada, respectada, e saír moi ben parada, en comparación coas esquerdas e cos nacionalistas, cando de asuntos de orde pública se trata. Vemos, tamén, a presenza salientábel que esa ideoloxía ten na xudicatura e nas forzas e corpos de seguridade. Sería pois de agradecer que un goberno de esquerdas non facilitase medios para a represión política, sobre todo sabendo quen a aplica e quen a padece.

Comentarios