Opinión

Nación, deporte e selección

Moi acertada a campaña "Galiza, un pobo, unha selección", desenvolvida por Vía Galega para reclamarmos o dereito a ter seleccións deportivas e a competir a nivel oficial e internacional. É unha reclamación de xustiza porque impedir que un pobo teña seleccións que o representen, en eventos e campionatos oficiais, é unha agresión ao seu recoñecemento. Implica privar da posibilidade de gozar, de emocionarse, de aledarse ou de se entristecer; de sentirse partÍcipe das vitorias ou das derrotas dos que consideramos os nosos; é dicir, supón unha limitación no abano das posibilidades de identificación colectiva. Cómpre anotar, ademais, que o deporte sempre foi un elemento importante na manifestación das identidades, como que no Reino de España se pretende impor unha identidade exclusiva e excluínte, tentando impedir ou desactivar todas aquelas expresións que amosen un outro sentido de pertenza.

De certo, son varias as fasquías que permiten albiscar a imbricación das competicións deportivas coa identidade nacional. Semella indiscutíbel que o deporte, como fenómeno social total, ten unha alta capacidade de adscrición identitaria debido ás súas dimensións simbólicas, culturais, emocionais e mediáticas. Nalgúns, como no fútbol, a capacidade de produción de sociabilidade e vínculos comunitarios afectivos é dificilmente comparábel a outros fenómenos de masas. Neste caso, prodúcese un "efecto multiplicador" dada a compaxinación de varios elementos simbólicos da nación tales como consignas, himnos, bandeiras e grandes celebracións colectivas. Nesta liña, varios analistas xa teñen salientado a similitude entre os mecanismos requiridos para participar en organismos e competicións internacionais e os empregados pola ONU para a incorporación dos seus membros. De feito, as organizacións internacionais deportivas están integradas por federacións "nacionais" que practicamente coinciden cos Estados que fan parte das Nacións Unidas.

Non é de estrañar, xa que logo, que o deporte sexa utilizado desde hai tempo coma un elemento relevante nos procesos de afianzamento interno e externo, na construción das percepcións nacionais. A procura dunha imaxe de solidez e de prestixio político, de competencia e fortaleza económica ou de capacidade organizativa e de proxección cultural son obxectivos que planan sobre os eventos deportivos de certa magnitude; instrumentalización que se amosou, clara e sen agachadas, nos tempos da chamada Guerra Fría. O que se presenta como unha saudábel rivalidade, adoita ser unha exhibición pública na que se reproducen os sentimentos e os símbolos da nación, que acaban diluíndose no cotián, xerando crenzas e imaxes pouco estruturadas a nivel político pero de fondo calado identitario, que fan parte dese nacionalismo banal que tan ben desvelou Michael Billig.

Vemos decote como ese nacionalismo español, banal ou fondo, e de forte compoñente identitario, utiliza e aproveita sen complexos o fútbol para espallar a bandeira coma un símbolo común e natural ou para presentar España como nación única e indiscutíbel. Un patrioterismo que presenta calquera éxito deportivo como unha fazaña bélica e como unha obriga de orgullo patrio no que a procedencia ou os sentimentos de pertenza das e dos deportistas son silenciados e suprimidos cando acadan un triunfo coas "cores nacionais". Un nacionalismo que se difunde abertamente a través duns medios nos que se afirma que o amor a "la Roja" é un sentimento que hai que alimentar a calquera custo, xa que a selección desempeña o papel fundamental de mobilizar pola causa común española. Medios onde algún ministro se atreveu a vincular as vitorias da selección co crecemento económico ou nos que un presidente de goberno e un xefe da oposición coincidiron e arengaron, o mesmo día en senllos artigos, poñéndoa coma exemplo de integración e representación do mellor do "carácter nacional".

Pois ben, dado que nos está vetado competir, organizar, celebrar, identificarnos e emocionarmos en eventos deportivos nos que participen oficialmente os nosos e as nosas deportistas e as nosas seleccións nacionais, a campaña "Galiza, un pobo, unha selección" resulta unha demanda de xustiza.

Comentarios