martes 15/06/21

Cadros de submisión

Boa parte das cousas que vivimos a diario non poden ser comodamente reconducidas á racionalización e á intelectualización. Os sentimentos e as emocións fan parte esencial das decisións, eleccións e comprensións do mundo que nos rodea porque a propia racionalidade é problemática, como perfectamente albiscou Jon Elster en Ulises e as Sereas. Pois ben, hai uns días lin con satisfacción un post do meu amigo Vítor Vaqueiro no que comentaba que “se uma pessoa vendo uma fotografia dum presidente acompanhado dum narcotraficante não sente no seu estómago uns profundos desejos de vomitar, essa pessoa está morta socialmente falando, essa pessoa é um cúmplice que asume a dialética do amo e do escravo e essa pessoa é um súbdito”. Con certeza que a reflexión amosaba desas visceralidades que axudan a ceivarse de tanta corrección e transixencia perante a constante indecencia dunha normalidade, arestora tan devecida.

Penso, a miúdo, na mesura e na contención fronte a esa prepotencia buscabullas dos privilexiados que se atreven a marcarnos os termos e os modos da aceptabilidade e da razoabilidade coas que podemos responder. Penso en como se traga cando se pide perdón aos continuadores do franquismo por pactar con Bildu ou en como hai que se desculpar por criticar a escandalosa parcialidade da xustiza. En como os xornais progresistas, no canto de facer pedagoxía contra o fascismo, reflexionan sesudamente sobre resignificar a bandeira española. Penso en como algúns pediron que nos gobernase un Madrid progre fronte a unha Xunta retro, no canto de chamar á mobilización para gobernarnos nós mesmos. Doulle voltas a ese xeito de pór a boca pequena na denuncia das vulneracións dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, e a covardía en sinalar a impunidade e a inmunidade dos afectos ao réxime. En como, tras cada xusta reclamación democrática, agroma algún aceno servil pedindo escusas por se acaso molestar. En como abondan os eufemismos para adondar a crueza das causas da explotación, do abuso e da pobreza. Si, somos moi dóciles cos poderosos. Por isto, moitas veces, salto de pensar a sentir a necesidade de mandar á merda convencionalismos, educación e cortesías que non fan máis que apontoar as condicións discursivas dunha tropa que non respecta máis que a conservación das súas vantaxes sociais e económicas.

Xa en 1548, un moi novo Étienne de La Boétie escribía un discurso contra a submisión e a servidume e a prol da desobediencia, no que dicía que “os tiranos canto máis saquean máis exixen, mais se non lles damos nada, se non os obedecemos, ficarán espidos e vencidos do mesmo xeito que a árbore cuxas raíces xa no reciben zume pasa a ser axiña un tronco seco e morto". Chamaba, daquela, a sabotar a imperiosa necesidade de recoñecemento e respecto que ten a dominación para triunfar. Albiscaba que a aceptación dun marco imposto de expresión, de debate e de comportamento acaba desarmando a capacidade de contestación, de protesta e, xa que logo, de emancipación. Porén seguimos demasiado atrapados en categorías e modos tecidos en beneficio de castas que demandan consideración, responsabilidade e prudencia para seguir facendo chacota mentres se aproveitan da nosa estupidez en seguir o seu guión sen poñelos no seu sitio dunha patada.

Houbo estes días atrás escenas e situacións abondo significativas de como a razón fica estreita para enmarcar a indignación provocada pola desvergoña, o cinismo e a hipocrisía de elementos acostumados a vivir por cima e á custa das nosas posibilidades. Porque ver a delicadeza e o trato exquisito na detención dunha líder neonazi, topa de cheo coas imaxes de como se actúa contra activistas que loitan por un mundo mellor. Ou escoitar a patronal e a Conferencia episcopal opoñerse a un ingreso mínimo vital lembra como, os que chouchan a esgalla do Estado, gostan de seguir mantendo a xente na dependencia e na indignidade. Tamén dá náuseas o espectáculo de parasitos requintados e horteras, pedindo liberdade para poder seguir pisoteando as condicións que a posibilitan. E que dicir de informes policiais manipulados! Indignación, que necesaria, e canto exceso de corrección!

comentarios