Opinión

A bandeira até nas aulas

A cada pouco, o nacionalismo español presenta espectáculos vitimistas cos que pretende desviar a atención dunha realidade na que se impoñen os seus símbolos e trazos identitarios a golpe de institucións, leis, medios de comunicación e xuíces. Unha destas últimas postas en escena foi a artillería mediática en apoio á desobediencia e á falla de respecto contra unha profesora por parte duns alumnos de 1º de bacharelato do colexio La Salle, en Palma de Mallorca, ao negarse a retirar a bandeira española que colocaran na aula.

O españolismo aproveitou a ocasión para seguir ventilando ese seu discurso da España indefensa e aldraxada. Tiñan material: a bandeira española, unha profesora de lingua catalá e a selección nacional; e houbo guión: pais e nais a prol da liberdade, presentados coma valentes protectores duns fillos futboleiros, e descualificacións para unha profesora antiespañola e ao centro educativo por apoiala. 

Algúns escribiron que se tentaba mesturar un problema de disciplina cun enfrontamento político. Algo hai, mais nada é tan sinxelo! Se o alumnado pretendese decorar as aulas dun centro educativo como se fose un chiringo ou a súa habitación, pensaríamos nun problema de normas, disciplina e réxime organizativo facilmente identificábel e a resolver intramuros sen demasiado debate. Mais, cando a discordia transita a través de elementos e símbolos de identidade, sobre todo cando unha destas goza do privilexiado recoñecemento estatal, resulta imposíbel prescindir da carga política.

O mero feito de que neste Estado, que nega o recoñecemento da plurinacionalidade, se considere que meter a bandeira por onde queira deba ser algo natural, inocente e indiscutíbel sitúanos perante dese absorbente e omnipresente nacionalismo banal. Hai un nacionalismo de Estado que ás veces actúa silandeiro e invisíbel e outras arrogante e totalizador, mais sempre disposto a ser hexemónico como expresión dun conflito político. 

Sabemos ben que na conformación das identidades nacionais os símbolos teñen unha presenza relevante. A lingua, as bandeiras, os himnos, a toponimia, as festividades, as tradicións, os costumes, as seleccións deportivas, as institucións e os monumentos, entre moitos outros, fan parte salientábel dos procesos de construción nacional.

A identificación con estes elementos, a súa imposición, a pretensión de conservalos, a súa modificación ou evolución, o seu artellamento institucional ou a súa vinculación política adoitan ser o resultado dos mecanismos que os Estados desenvolven teimudamente a fin de forzar unha identidade común e marxinar aquelas que a desafían. Neste sentido, a dimensión mediática e os relatos construídos sobre o acontecido nese centro fan parte, con independencia da vontade dos protagonistas, das esferas da política e do político como manifestación dun modelo conflitivo de imposición nacional.

Mais penso que cómpre comentar outra fasquía que, semellando pasar inadvertida, reflicte o tempo presente. Xa no seu libro Entre o pasado e o futuro. Oito exercicios sobre a reflexión política, Hannah Arendt chamara a atención acerca do colapso gradual da autoridade dos pais e do profesorado. Un panorama que se está a agravar coa infantilización progresiva dunha mocidade educada nun feroz individualismo posesivo, na satisfacción inmediata dos caprichos e con nula tolerancia á frustración.

Un xeito de socialización no que a infancia e a mocidade son recompensadas e apouvigadas a través do consentimento e de concesións, así como educadas para que o desexo e a liberdade persoal vaian por diante dos intereses colectivos, da solidariedade e do ben común.

O fomento xeneralizado do medo, da desconfianza e de situacións de incerteza permanentes, incrementan as dúbidas sobre como criar e educar levándonos a abordar as relacións sociais, educativas incluídas, exclusivamente en chave emocional e psicolóxica para aparentar seguridade e control. Semella que a crianza e a educación dos novos depende, cada vez máis, de técnicas terapéuticas e que o entendemento dos problemas da humanidade se realice só en termos persoais e psicolóxicos. E esta perda de perspectiva social e de análise crítico tamén fai parte do político.

Comentarios