Opinión

Resistindo o temporal

Alén da asfixiante propaganda, remata outro ano con balance desfavorábel para as clases populares. As maiorías sociais perden dereitos e liberdades, a minoría capitalista dominante aumenta ganancias sen que, de momento, vexa ameazado seriamente o seu poder.

Dominado o contexto internacional pola estratexia USA, nunha batalla sen cuartel polo control da economía e os recursos, as tensións aumentan, abrindo as portas a consecuencias imprevisíbeis. Cercan a emerxente China, promoven "revolucións de cores", bloquean Estados que non se someten e non dubidan en implicar a maioría dos gobernos "occidentais" vía OTAN na guerra que libran contra Rusia na Ucraína. Un salto cualitativo de calado a respecto do que leva acontecendo nos últimos tempos, conscientes da necesidade de cortar a posibilidade real de construír un mundo multipolar e máis equilibrado que ameaza o seu status dominante.

Nada positivo se pode esperar Dese goberno zombi de Rueda, co único norte de liquidar o idioma ou apoiar empresas espoliadoras dos nosos recursos naturais

A submisión absoluta do "espazo UE" ás directrices imperiais non só dificulta a necesaria redución das tensións, agrava a situación económica e aumenta a dependencia, senón que está a traer como consecuencia a translación a este espazo do decadente, dereitizado e antisocial modelo "democrático" norteamericano ao que cada día se asemella máis, eliminando os "elementos diferenciais" dos que presumía. Democracia, progreso social, estado do benestar, paz ou loita contra o cambio climático agonizan no marco desa dependencia. Estremece comprobar como hoxe a liña vermella que todo o lexitima, non é ningún deses valores, senón o grao de submisión aos USA. Gobernos de ultradereita como o polaco conviven sen problema algún, non así o húngaro, menos compracente. Abondou con que o goberno Meloni proclamase a súa fidelidade a OTAN-USA para ser aceptado. A detención da vicepresidenta Kaili como punta do iceberg da enorme corrupción. Merkel admitindo que os "acordos de Minsk" eran só unha trampa para Rusia como exemplo da degradación. Macron ou Felipe VI no mundial de Qatar como expresión da hipocrisía imperante.

E neste contexto un Estado español en crise permanente. Certo que no político, amortecida, e moito, pola eliminación de factores desestabilizadores que non hai tanto representaban Euskadi e Catalunya. O fin, alén dos discursos, do procés catalán, por máis que vocifere o facherío con Feijoó a fronte, saldados con concesións menores e a institucionalización galopante da esquerda abertzale como determinantes. Con Podemos gobernamentalizado e CCOO e UGT como freos do movemento obreiro, o goberno Sánchez segue navegando, sorteando a crise con "paquetes de axuda" que obxectivamente pouco mudan a situación económica da maioría, mais aínda eficaces para calmar o malestar social.

Non sei se, como din, de gobernar o PP as cousas irían peor, mais ese non pode ser o debate. O valorábel é o resultado da acción do actual goberno, con moitas máis sombras que luces. Sen cambios estruturais de fondo, cos beneficios empresariais en aumento e limitada a suba de salarios, a perda do poder de compra da maioría consolídase. A contrarreforma laboral de Rajoy pasou da promesa de derrogación a ser definitiva. Recortes das pensións futuras, en marcha. A sanidade pública, alén da responsabilidade das CCAA, sen orzamento suficiente. Lei mordaza e os novos "desordes públicos agravados" como ameazas para a mobilización popular. A Igrexa Católica adoutrinando sen obstáculos, o franquismo apenas combatido. Venda dos dereitos das persoas saharauís, mar e valados de Melilla como tumbas de emigrantes pobres, aumento obsceno do gasto militar, como parte dun saldo desesperanzador.

Políticas que sufrimos galegos e galegas, empeoradas por ese goberno zombi de Rueda do que nada positivo se pode esperar, co único norte de liquidar o idioma ou apoiar empresas espoliadoras dos nosos recursos naturais, das celulosas ás eólicas.

E, malia todo, a esperanza de que acabaremos por construír un mundo diferente ao que nos están a impoñer o capitalismo e o imperio. E para iso, é imprescindíbel resistir o temporal.

Comentarios