Opinión

González e a "democracia normalizada"

O PSOE e medios de comunicación celebran os 40 anos da chegada de Felipe González ao Goberno do Estado e o seu papel "fulcral"

Anda o PSOE a celebrar os 40 anos da chegada de Felipe González ao goberno do Estado. Celebran, medios de comunicación incluídos, o seu papel fulcral na consolidación definitiva do "modélico proceso de transición" da ditadura á democracia e xa que logo no que dan en chamar "modernización" do Estado español. Desde logo quen está de acordo, quen vive comodamente instalado neste marco, ten motivo para celebralo. Non por acaso "alá polo 82" Feijoó votou polo PSOE e hoxe sostén que grazas a González "España consolidouse como unha democracia adulta".

É práctica habitual falsear a realidade, tamén a traxectoria de moitos dirixentes políticos, até facela irrecoñecíbel. E no caso do actual conselleiro de Naturgy e o seu papel no proceso de "normalización democrática" é máis que evidente.

Resumindo moito, morto o ditador, o Estado español entra nun período de inestabilidade política e social. Experimentos de "dereita" como a UCD fracasan, a monarquía imposta por Franco conta con escasa aceptación popular, autogolpe de Estado, etc. O poder real necesitaba alguén capaz de reconducir as cousas cara á "normalidade". González, artífice do abandono do marxismo polo seu partido, defensor da reforma do réxime fronte aos que esixíamos a ruptura co mesmo, é o elixido, como, salvando as distancias, o foi Mario Soares en Portugal co mesmo obxectivo.

E abofé que cumpriu coas expectativas do poder. Coa lexitimación que lle daba ser de "esquerda" e "opositor ao franquismo" impulsou as reformas estabelecidas no guión escrito por EEUU e o capital, cunha "paz social" que en ningún caso tería conseguido unha alternativa de dereita. O balance da súa acción política é a que é, e as súas consecuencias estamos a pagalas hoxe. González pacta cos restos do réxime e normaliza a falsa conversión dos fascistas en demócratas "de toda a vida" cunha infame Lei de Amnistía que impide castigo algún polos seus crimes, e no paquete, a monarquía imposta polo ditador. Mantén o concordato coa Igrexa Católica e os seus privilexios. Mete, "con lingua de serpe" o Estado español na OTAN, e executa as directrices de Bruxelas para entrar, en condicións inaceptábeis para Galiza, no mercado común europeo. Aceptando o asinado baixo presión militar no "pacto do capó" e a posterior Loapa pon fin a calquera posibilidade de recoñecemento dos dereitos das nacións.

Cos gobernos do celebrado González, o ditador pasou a ser denominado "anterior xefe do Estado", o iate do sátrapa usado para as súas vacacións no medio dunha escandaleira, o estudo do que supuxo a ditadura excluído do ensino, a simboloxía franquista presente até hoxe, con franquistas ao mando na xudicatura, o exército ou a policía. Tempos de Solchagas e Barrionuevos, de GAL e terrorismo de Estado, de reconversión industrial salvaxe, de privatización de empresas públicas, de introdución da temporalidade laboral, contratos lixo ou ETT, de colaboración e ocultación do enriquecemento do Borbón. De expulsión dos deputados do BNG do Parlamento galego, de recurso contra a lei de normalización lingüística, ou de negación da entrada na Quintana da manifestación da Patria. 

Nada estraño que o poder agradeza o traballo de González. Pola senda da "normalización democrática" aberta por el, transitaron profundizándoa Aznar, Rajoy, Zapatero e agora Sánchez-Díaz até chegar á "democracia de cores" que desfrutamos hoxe. De fervor otanista e submisión ao imperio ianki, de gasto militar disparado negado a unha sanidade pública que se derrumba, de ganancias obscenas do capital namentres boa parte da poboación non chega a fin de mes, de dereito a vivenda ficticio, de perda descarada de dereitos laborais, con salarios estancados, onde traballar xa non evita a pobreza, de lei mordaza, de represión e valados asasinos de inmigrantes, de portas xiratorias, de censura e desinformación, de corrupción sen castigo, de idiomas e culturas nacionais esmagadas. Democracia de cores para os amos do Ibex, tan madura que apodrece. E sen dúbida González sentou as bases. Seguro que iso é o que celebran. Eu non.

Comentarios