Opinión

O derradeiro galego de Ezkaba

No número 461 do Sermos Galiza do pasado 7 de agosto, o xornalista Héctor Pena conversou con quen asina estas liñas sobre a grande evasión dos 795 presos que fuxiron do masificado e insufríbel cárcere franquista de San Cristóbal, situado no cumio do monte navarro de Ezkaba, moi preto de Pamplona. Aquela fuxida tivo lugar na noitiña do 22 de maio de 1938 e nela participaron –xunto a presos de todo o Estado español– 198 prisioneiros galegos antifascistas que chegaran a Ezkaba procedentes de centros de reclusión como a illa de San Simón, o Castelo de San Filipe ou as prisións provinciais da Galiza. Todos eles, condenados por “rebelión militar”, loitaran na defensa da legalidade republicana e foran condenados a reclusión perpetua. As duras condicións de vida no penal navarro e o desexo de alcanzar Francia –distante do penal uns cincuenta quilómetros– deron pulo á gran fuga.

Daqueles case douscentos galegos evadidos, a cuarta parte foi asasinada nos momentos seguintes á desbandada: de noite, famentos e desorientados, foron cazados como coellos e non houbo compaixón. O resto foi capturado en xornadas sucesivas e devolto ao penal. Só un deles permaneceu agochado moi preto do monte Ezkaba. Sobreviviu durante noventa días e foi o derradeiro detido daquela espectacular fuxida. O seu nome: Amador Rodríguez Solla. A súa experiencia vital antes, durante e despois da evasión daría para unha novela ou unha película. Mais, como moitos dos represaliados polo franquismo, a súa identidade fica no esquecemento absoluto.

Nado na parroquia de San Xurxo, no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, Amador era zapateiro, estaba casado e tiña cinco fillos. Ao tempo militaba no Sindicato de Oficios Varios da CNT. Con 27 anos acudiu ao chamado contra o golpe de Estado e rematou detido. Xulgado en Vigo na causa 1173/1936 e acusado de rebelión militar polos únicos rebeldes desta historia, Rodríguez Solla foi sentenciado a reclusión perpetua o 24 de novembro de 1936. De inmediato, ingresou na prisión do Partido de Tui ata que o 3 de xullo de 1937 traspasou as portas do Penal de San Cristóbal.

Aquel 22 de maio Amador fuxiu ladeira abaixo do monte e esvaecíase na brétema. A neboeira foi a súa aliada. Buscado sen descanso, tardaron noventa días en atopalo e tivo que ser un encontro casual o que dera fin á liberdade do último preso fuxido de Ezkaba. Rodríguez Solla foi o derradeiro home en ser capturado.

O 14 de agosto de 1938, os irmáns Críspulo e Martín Zoroquiain rastrexaban a zona de Erauso, no Val de Ezkabarte, na busca de pezas ás que dispararlles. Os cazadores levaron unha sorpresa maiúscula cando encontraron a Amador durmindo nunha pequena cova simulada con maleza e pedras. O agocho atopábase aos pés do Monte Ezkaba, de onde fuxira tres meses atrás e que podía contemplar día tras día despois do solpor. De inmediato, os irmáns detiveron ao fuxido e o trasladaron a unha pousada en Orikain, onde deron aviso á Garda Civil que, de seguido, interrogou ao de Salceda. “Como puido aguantar tanto tempo sen axuda de ninguén?”, preguntaron os gardas. “Pois alimentándome de caracois, ras e herbas que pola noite collía...”, contestou Amador. Tras ingresar na Prisión Provincial navarra foi trasladado de novo a San Cristóbal. Alí, os seus compañeiros presos bautizárono como Tarzán.  Logo foi interrogado polo coronel e instrutor da causa da fuxida Manuel Suárez. A primeira pregunta do xuíz instrutor foi a mesma que a realizada con anterioridade pola Garda Civil: como aguantou tanto tempo naquela cova, só e sen auxilio. A resposta de Amador, en termos semellantes á xa ofrecida cando resultou detido, foi: “Comendo ras, caracois e fabas crúas”. 

Amador Rodríguez Solla acadou a prisión atenuada no verán de 1940 e regresou a Salceda de Caselas, pero foi un espellismo, unha quimera. A súa liberdade condicional foille denegada o 2 de xaneiro de 1942 e de novo internado no cárcere Provincial de Pontevedra para cumprir a pena imposta pola súa participación na fuxida do 22 de maio. Non era castigo de abondo e foi trasladado a Ezkaba onde ingresou o 26 de xaneiro de 1942. Tres anos máis tarde obtivo a liberdade definitiva. En 1952 partiu cara á Arxentina e regresou á súa vila natal, San Xurxo, en 1993 onde finou pasados tres anos.

Comentarios