Opinión

Unión Europea?

No pasado mes de decembro estourou un escándalo de corrupción que atinxía seriamente cargos institucionais e deputados do Parlamento europeo, así como asesores, directivos de ONG e sindicais con el relacionados e por el amparados. Malia a gravidade do descuberto, paseniño foi desaparecendo da información pública, como algo sen maior interese, compensado pola promesa e compromiso de endurecer non se sabe que normas vixentes de transparencia e boas prácticas. Porén, este escándalo, sen dúbida provocado por algunha filtración interesada relacionada co proceso que levou á celebración do mundial de fútbol en Catar, non representa máis que a punta do iceberg das presións políticas e dos subornos económicos que os lobbies presentes e influentes en Bruxelas practican coa finalidade de garantiren o logro dos seus obxectivos en moi diversos campos. Non se trata só, nin de maneira principal, de logros relativos á forma de manexar e aplicar as denuncias por violación de dereitos humanos, especialmente fóra do espazo da UE, tan do seu gusto, moitas veces por interese político tan descarado como volúbel, segundo as circunstancias. A banca, as empresas enerxéticas, a telefonía e o mundo dixital, os poderosos grupos industriais en xeral, as distribuidoras de alimentos, xogan un importante papel á hora de condicionar as directivas europeas e a política económica xeral que emana da Comisión e do Consello. Non pode ser doutra maneira nunha Unión de Estados que ten o mercado único e a política monetaria como a súa única obsesión e razón de ser real. Por iso, é altamente preocupante a falta de debate crítico sobre a función, os obxectivos e os resultados das estratexias da UE nun contexto mundial tan convulso e caótico. Esta carencia é especialmente notoria no Estado español e, por desgraza, tamén na Galiza. Aquí un silencio inerte expresa a incapacidade para rachar cunha adoración reverencial, un tabú incuestionábel, cuxa violación é pouco menos que unha herexía, malia os resultados catastróficos da combinatoria UE-Estado español para a estrutura económica e social do noso país seren a cada paso máis patentes.

Realmente en moitos Estados da UE (Francia, Italia, Hungría, Grecia, Polonia, Chequia…), de forma diversa e contraditoria, hai amplos sectores da opinión pública que, a cada paso máis, poñen en cuestión que a política da UE, avalada polos seus Estados membros, responda aos intereses dos pobos que os constitúen, e garanta un desenvolvemento equilibrado do conxunto, no canto da desigualdade interna e entre nacións. Esta constatación tense agravado coa actual crise económica e política, de forma que aboian contradicións e confrontacións políticas entre os Estados membros (Francia/Alemaña, Francia/Italia, Polonia/Alemaña, Hungría/Comisión da UE…), sen dúbida expresión dunha guerra económica interna e de diferenzas estratéxicas que se revelan insuperábeis, por máis que a subordinación aos USA e á OTAN pretenda ser a argamasa que os una. Falla, paradoxalmente, unha estratexia realmente europea, propia. Urxe a liberación dos oligopolios e as transnacionais, a democratización dos Estados e a asunción da plurinacionalidade existente, renunciando dunha vez a un eurocentrismo que cega. Algo grave está pasando. Non nos pasa a nós nada? Podemos seguir coa táctica da avestruz?

Comentarios