Opinión

Rueda no Senado

Un dos participantes no carrusel, organizado no Senado polo partido que o controla, para consumo mediático e con visión de curto prazo, foi o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda. Por ser da equipa organizadora, as bancadas mono-cores portáronse como verdadeiros seareiros, aplaudindo, con cadencia regular, o seu discurso. Após a intervención do presidente da Generalitat, por fin falaba alguén que os ía redimir do pavoroso e intolerábel sufrimento infrinxido por un catalán. E así foi. O presidente de Galiza ofreceu a imaxe e a palabra esperadas dun galego, cuxo principal razón de ser é deixar clara a súa vocación e compromiso españois. En efecto, todo o seu discurso articulouse, en oportunista modelo de bilingüismo harmónico, enfiando un sarillo de tópicos para reafirmar, sen razoar, a necesaria unidade da política autonómica e a que el chamou nacional, e viceversa. Unha especie de identificación que, naturalmente, exclúe a diferenza, para concluír que "o noso e o dos demais é igual de importante", agudo sustento filosófico-moral que serve de coartada para o noso nunca importar ou ser secundario. Foi sintomático como rexeitou falar do pobo ou sociedade galega. El só representa persoas que vivimos no territorio, individuos. O noso país común é España. Alertou de que, por causa das negociacións cos que queren destruíla, a solidariedade entre territorios (sic) desaparecerá. É intolerábel que se vaian conceder ganancias a uns a custa doutros. Porque o importante é a igualdade de todos os españois. Por fin, chegamos ao quid da cuestión. Teriamos que preguntarnos, se despois de máis de corenta anos de Constitución española, hai igualdade entre os españois e as denominadas comunidades autónomas entre si. Onde ve el a igualdade derivada do seu modelo constitucional intocábel? O andazo igualitario úsase como fundamento dun discurso para axitar masas, por parte de quen, coa súa política, agrava as diferenzas sociais e económicas, ampara o espolio colonial da Galiza e xustifica unha orde internacional xerarquizada e unipolar.

Non faltou a pinga de reclamación galega, denunciando a férrea e inflexíbel ortodoxia do goberno negándose a transferir a competencia do litoral, acusándoos, a eles, oh!, de independentistas. Chama a atención tanto interese nesa competencia en quen nega a necesidade de que se transfira nada. Nótase que queren ser administradores da permanencia de moitas actividades económicas e da instalación doutros servizos na costa. Atoparon a angosta medida española da que eles son cómplices e o trato discriminatorio que eles coa súa actitude submisa co Estado alimentaron sempre. As súas protestas só aparecen se son funcionais á política do seu partido en España. O seu descaro abafa. Atacou unha posíbel condonación da débeda das CCAA que recibiron, a baixo ou nulo interese, préstamos do propio Estado, para manter os servizos públicos, no canto de procuralos na banca privada, como fixo Galiza por propia vontade, con intereses elevados. Non se beneficiou só Catalunya; tamén Valencia e Andalucía e outros. Habería que pedirlle contas de por que actuaron así. Seguramente o seu autonomismo responsábel confunde Galiza coa banca. O final foi de traca: Galiza, aberta, universal, vivimos en moitos sitios. O egoísmo nunca foi a nosa forza motriz. O futuro de España tamén é o de Galiza. Hai que saber o que queren os demais. Sabe o Sr. Rueda o que queremos para nós, máis aló do seu conformismo e submisión a España e usarnos como instrumento da españolísima política do seu partido?

Comentarios