Opinión

Rosalía e o catolicismo

Vivimos, malia toda a secularización da vida, nun ambiente relixioso católico. Neste ambiente naceu, creceu e formouse tamén Rosalía de Castro. Porén, a súa formación relixiosa non a encerrou no dogmatismo nin anulou os seus desexos como muller con aspiracións a ser libre, vivindo do seu traballo e expresándose, artística e filosoficamente, como escritora. E fíxoo, ademais, servindo á causa da liberdade do seu pobo, como galega consciente. Rompeu, pois, coas ataduras que a relixión, entendida como parte da ideoloxía dominante, reforza. Foi a dúbida, sempre activa, o que a distanciou criticamente dunha visión relixiosa convencional e conforme ao dogma católico. A cavilación e a aspiración a satisfacer os desexos humanos liberadores acompañárona sempre. Non foi nunca presa da impiedade. Sempre serena e reflexiva, mesmo nos estoupidos de rabia, non caeu nunca, en materia relixiosa, malia o seu criticismo expreso coa Igrexa, nun anticlericalismo fácil. Se a súa piedade a aproxima moito á predicada por Cristo cos caídos e os “tristes”, o seu horror e condena explícitos do fanatismo afastouna da moral relixiosa que se fundamenta na persecución e o castigo  propios de “cerebros enfermos” que ameazan con “eternos tormentos”. Rosalía identificábase coa imaxe dun Cristo redentor, cando non dunha Eva bíblica, que entraña “esperanzas certas de remotos pero seguros triunfos”, en especial para os miserábeis, os maltratados do mundo, as mulleres, en concreto, e os pobos negados.

Nos anos finais da súa vida, esta visión relixiosa piadosa e redentora, cuxo símbolo  inicial para as mulleres, a metade do xénero humano á espera de redención, fora para ela o de Eva, amparou o seu espírito atormentado. Aliás, axudouna tamén a mostrar o significado social alegre, esperanzado, vitalista, de algunhas festas relixiosas, como o Domingo de Ramos: unha auténtica explosión andante de ramos de oliveiras e loureiros, axitados con algarabía polas mans da mocidade campesiña e mariñeira que asolagaba os templos con estrondo. Ou describir como, ese mesmo día, en Vedra ou Ponte Vea había o costume de os namorados recorreren a obsequiar as súas amadas con nostálxicos e estranxeiros ramos de palma verde, facendo “desembolsos moi superiores á súa escasa fortuna”, como símbolo dun compromiso sagrado.

Vinte e un anos após a súa morte, un crego galego atormentado, con cargo na Corte de España, Vales Failde escribía, en español, que Rosalía era “católica pola súa conduta, católica polas súas obras e até católica por ser galega xa que naquela rexión paradisíaca son, afortunadamente, descoñecidas as mulleres librepensadoras”. Viña a afirmar, por negación, o que ela fora e a propia xerarquía eclesiástica ditaminara, acusándoa de ser “escéptica” en materia relixiosa. Con esta acusación impediu que se fixese un responso fúnebre como os destinados a quen morría dentro do seo da Igrexa, cando os seus restos foron trasladados de Adina a Bonaval para seren depositados nun mausoleo en 1891. Non, Rosalía non era dogmaticamente católica. Avalaba, como caviladora, entre dúbidas, do nihilismo ao panteísmo, percorrendo múltiples gamas dunha relixiosidade sensíbel e artística que conducía á beleza e a Deus, sempre con simpatía por un cristianismo evanxélico, amparo para a orfandade de toda caste na terra. Tamén a ela lle servía de refuxio  perante a soidade e a desgraza.

Comentarios