Opinión

Relevancia

Sei por experiencia o duro que é ser deputado nacionalista galego no Congreso dos Deputados español. Non porque sexa unha institución onde prime o rigor nas intervencións e o xuízo e o resultado dependa do traballo, do esforzo e da coherencia do deputado na defensa das súas iniciativas.

Estas calidades, tratándose en especial de nacionalistas galegos, poden merecer, como moito, comentario reservado ou opinión persoal, de forma tan puntual como intranscendente, nos corredores do Congreso, incluídos os círculos xornalísticos. Sospeito que, canto máis coherencia exprese nas súas intervencións, máis desagrado e censura recibirá por parte dos que controlan a institución desde dentro e desde fóra. Son estes, en especial, os que peneiran o que se transmite e o que debe ficar alí soterrado no Diario de Sesións. Non fai falta dicir quen sae máis prexudicado desta forma de censura: o máis inadaptado á estrutura unitaria do Estado e o que teña menos poder ao seu servizo.

Quen pretenda servir Galiza e os seus intereses vaino padecer de forma especial. Non contará coa mínima consideración mediática, por moito que sexa o seu activismo e capacidade. Aquí, en boa maneira, espéralle tamén o silencio, a referencia marxinal se é inevitábel, e moi poucas veces unha información desde a identificación cos intereses de Galiza. Un dos problemas graves que temos, como pobo, é o papel dos medios na Galiza, a RTVG, e tamén o das dúas grandes empresas privadas de prensa en papel e dixital. Ambas, con estilos diferentes, son coincidentes en afondar a dependencia e a españolización do país.

Unha delas, a que se queixa, con prantos de Xeremías, nalgunhas ocasións, do mal trato que recibe Galiza, para ao día seguinte aparecer como látego de nacionalistas e panexiristas do noso papel como pobo na España, e do ben que nos vai nela, vén de ditaminar o que o nacionalismo galego pode ou non defender no Congreso, recorrendo, de forma manipuladora e falta de escrúpulos, ao intento de desprestixiar o noso representante alí, Néstor Rego.

Xa é contradición recoñecer que é un dos deputados máis activos, para a continuación afirmar que, primeiro, foi relevante, pero agora xa non o é, porque ao xornal, ao PP, ao PSOE e Podemos non lles gusta o que di nen o que vota. Resulta que os partidos estatais si suman en defensa dos intereses de Galiza, segundo parece. Madia a leva! Pois xa non lles fai falta o noso deputado nacionalista! Para que dedicarlle media páxina, nada menos, intentando, desvalorizar a súa actuación? Xustamente é porque a súa presenza e intervención alí condiciona a quen estaría máis cómodo sen ela. 

O importante para entender a actual situación do nacionalismo no Congreso é que o PSOE, contando con outros apoios que lle garantan maioría, non vai recorrer nunca ao BNG, a non ser como comparsa.

Por que? Porque, para el, como para o PP e Podemos, hai que evitar calquera xesto que favoreza a súa capacidade de condicionar, pois Galiza debe permanecer, dentro do Estado español,  no seu papel actual. Porque hai que facer todo o posíbel para o nacionalismo non ser a forza electoral maioritaria na esquerda, impedindo así que sexa cabeza de calquera goberno na Xunta. Porque sería o colmo que Galiza se converterse nun terceiro problema nacional se medra a conciencia de sermos galegos e galegas. 

Comentarios