Opinión

Por fin!

Somos un pobo habituado a batallar, malia os tópicos que nos apoñen tendan a nos considerar resignados, acomodaticios e sen carraxe. O certo é que, en todos os aspectos, amplos e diversos sectores sociais teñen demostrado capacidade para se enfrontar con conflitos derivados de múltiples opresións, espolios e privacións do que é noso, posto ao servizo dun dominio exterior. En moitas ocasións, os obxectivos destes combates foron acadados, en todo, en parte, ou simplemente impediron males maiores. Noutras, o dano consúmase e a derrota paira na atmosfera como unha pesada cruz que abate e diminúe a esperanza no futuro. É sintomático que non se adoite facer, cando os resultados son positivos, ningunha valoración nin lembranza sobre canto tempo e esforzo levou chegarmos a un resultado positivo; nin cantos impedimentos houbo que vencer, nin cantas incomprensións, silencios e indiferenza ou hostilidade que padecer. Limitándome ao campo patrimonial cultural, hai denuncias e propostas que acabaron sendo efectivas, após máis de vinte e cinco anos do comezo da reivindicación. Cando a mudanza para ben se logra, hai silencio. Como se caese do ceo, para alén dunha falta de valoración sobre se se axusta ao que era esperábel e desexábel.

Esta semana, obrigado a viaxar a Santiago, para resolver algún asunto burocrático, aproveitei para deambular polas naves do templo románico, tan harmónica e sutilmente iluminadas. Albiscando que era posíbel penetrar no claustro renacentista, decateime de que, loxicamente, tamén o sería acceder ao Panteón Real. Era coñecedor de que fora xa rehabilitado e estaba mellorada a información. Non só no contido, senón tamén por usar o noso idioma. Porén, tiña múltiples interrogantes sobre o resultado. Pagado o billete da alfándega para entrar, vinme de súpeto inmerso nunha atmosfera de recollemento e silencio, protexido por unha escuridade sen asfixia, que facía dirixir a mirada ás tumbas das persoas que me rodeaban, sobre as que se proxectaban tres puntos de luz tan clara como tenue. Todas elas recobraran a vida que perderan, a súa dignidade e humanidade. Aparecían como testemuña ou conciencia viva dun pasado que nos está imprecando no presente sobre o que fomos, o que somos e como estamos. O respecto parecía ter arrombado séculos de maltrato. Por fin!, exclamei aliviado. Porén, constatei como, malia o triunfo da verdade histórica, non se producía na dimensión esperada.

Desapareceu a ignominiosa placa que indicaba que aqueles eran só reis de León; agora dise que son reis de Galiza e León no medio do texto do panel informativo da entrada. Segue a atribuírse unha das tumbas a Raimundo de Borgoña, no canto de, pois existen moitas razóns de peso, ao infante Fernando Afonso, fillo do rei Afonso VIII (IX) e a infanta portuguesa Tareixa, que representaba a continuidade dunha monarquía propia, morto de forma prematura. Mais a eiva fundamental está en que a existencia do Panteón Real, no espazo da Capela das Reliquias, subordínao na información oficial a esta. Porén, o impacto en quen o visite, vai provir desas tumbas con esculturas funerarias de homes e mulleres de grande relevo político na historia do Reino de Galiza. Parabéns á Sociedade Cultural O Galo e a todos os que durante máis de 25 anos teimaron en que a verdade histórica aboiase, e a quen, no seo da Fundación Catedral, asumiu que había que rectificar. 

Comentarios