Opinión

Pensando en nós

Contra tantas forzas destrutivas, espoliadoras e alienantes que actúan sobre Galiza, conducíndonos a un estado letárxico, conformista e mesmo colaboracionista, sempre houbo, en maior ou menor medida, unha resposta social consciente, un deseño alternativo ao dominio que nos aniquila como pobo. Sempre provén de quen asume a realidade do país como referencia principal ou preferente, como unha sociedade con dereito e deber de tomar decisións en defensa dos seus intereses colectivos. Velaí o eixo central que define unha teoría e unha práctica ao servizo do pobo galego.

Moitas veces domina a tendencia ao despiste, á renuncia, pola dificultade para asumir esta concepción e a conduta conseguinte. Ante o conflito da escolla, óptase por non alterar o statu quo do país, lastrando así que Galiza teña voz propia e aposte por un camiño diferente do da propia responsabilidade. Non se trata, a maioría das veces, de falta de espírito crítico ou de que, cando menos, non se practique unha desconfianza escéptica sobre os poderes dominantes. Malia todo, tendo en conta as condicións informativas, educativas e de percepción da realidade, sorprende que distintas enquisas evidencien unha opinión galega xenuína, específica, diferente á da sociedade española, e máis similar á catalá ou á vasca, no que se refire á Constitución, ao pluralismo cultural e lingüístico, á plurinacionalidade, á laicidade ou á amnistía.

Desde logo, non se debe a que haxa debates internos organizados con capacidade para incidir socialmente de forma notoria; tampouco, a que haxa unha dialéctica política hexemonizada polo nacionalismo nas institucións e na vida social, embora o seu discurso se vexa como expresión da diferenza e da especificidade, das necesidades da nosa sociedade. Porén, a potencialidade discordante, ás veces contraditoria e sen decantar, parece superar, se nos atemos aos resultados electorais, a base social nacionalista. 

Seguramente estamos moi necesitados de que a discordancia sintomática respecto da ideoloxía hexemónica en España cobre coherencia, tome forma nunha orientación con obxectivos que transcendan a opinión individual ou a acomodación escéptica. Semellante tarefa ten na política un campo de actuación imprescindíbel, mais non exclusivo, e menos se se entende por política só a confrontación electoral e a presenza institucional. Hai que superar as dificultades para construír instrumentos que vaian consolidando o noso dereito á existencia e a nosa capacidade para determinar, desde nós, a nosa propia vida colectiva e o noso futuro. Se algún mérito ten o nacionalismo galego é ter dotado o país dalgúns deles, no campo sindical, no campo cultural e lingüístico.

Este xornal, cunha liña editorial tan inequívoca, é un dos maiores logros que se teñen producido, nos quince últimos anos, na orientación de vertebrar a base social que sente necesidade de contar con información, análises e debates sobre a nosa propia realidade e o mundo, co afán de superar as censuras, deformacións e marxinacións que padecemos. A súa única servidume é contribuír, como instrumento informativo na nosa lingua, a favorecer o coñecemento da nosa vida nacional e a expresión da nosa visión do mundo, colaborando a crear un estado de opinión colectiva fundado respecto delas. Unha empresa  xornalística propia dun pobo con conciencia de si. 

Comentarios