Opinión

Unha ollada galego-portuguesa

Non xa por vocación e identificación, senón por necesidade, Portugal ocupa, despois do meu país, Galiza, o centro da miña atención e preocupación política e do meu afecto. A el volvo, de forma reiterada e preferente, sentindo sempre que me é familiar e propio, como refuxio e amparo para aliviar o peso da españolización.

Se queredes, para sentir, en boa maneira, a normalidade da nosa lingua e a continuidade da nosa nación. A última vez foi o pasado fin de semana para participar nas Xornadas «A lingua e o Reino entre Compostela e Braga», organizadas pola Rede de Galilusofonía. Foi máis unha oportunidade para cavilar, en contraste, sobre o que nos está a pasar e o que necesitamos facer, por onde camiñarmos. Para un galego consciente de selo, é moi difícil abstraerse á sensación de, en Braga, como en todo o norte portugués, seguir estando no seu espazo nacional.

Todo (lingua, estrutura social, hábitos culturais, patrimonio artístico, mentalidade, historia) denuncia unha división anti-natural do que foi a Galiza histórica ou Grande Galiza. Todo esporea a superar esta división, necesitada de rectificación, embora as dificultades e atrancos que os dous estados peninsulares, podan pór e puxeron, en especial o español, con consecuencias gravosas para nós.

Simplemente, porque a parte portuguesa da Galiza histórica constituíu o seu estado propio e nós ficamos aferrollados nun estado plurinacional de facto, non de dereito, subordinados, espoliados e sometidos a mímese que nos converte en caricatura indigna. 

Aínda así, resultou que a fronteira galego-portuguesa segue a ser a de máis poboación e máis dinamismo económico e social entre os dous estados. Porén, non é á que o estado español se prestou a facilitar a osmose trans-fronteiriza. A pertenza de ambos estados á UE, un artefacto inter-estatal, moi de costas ás necesidades dos pobos ou nacións sen estado, non provocou ningunha aceleración da integración dese espazo económico, social, cultural, lingüístico e histórico.

Parece que, de forma tímida e lenta, o poder político en Portugal comeza a comprender que o mapa económico, demográfico e político da península hai que equilibralo a favor da fachada atlántica, fuxindo do modelo español centrípeto, cun centro absorbente madrileño, ben negativo e ameazante tamén para eles, mesmo no plano cultural e lingüístico. Por fin, hai síntomas da necesidade de comezar a vencer os medos, as prevencións e a cegueira, polo menos no que ten a ver co desenvolvemento económico e o deseño das infraestruturas.

Pola nosa banda, para alén da necesidade de superación do noso cativo marco estatutario e autonómico, está claro que Galiza necesita de autoridades gobernativas que non padezan o andazo dun españolismo servil. Non menos importancia ten espallar socialmente a crenza na capacidade de a Galiza poder valerse por si, acabando coa tendencia, impulsada oficialmente, a contentarnos con ser rexión espoliada, ao servizo de e con capital en Madrid. Esta conformidade estanos a conducir ao suicidio como pobo.

O retroceso demográfico, o envellecemento e a emigración son as secuelas inevitábeis dese modelo. Unha estratexia galego-portuguesa non é unha panacea mirífica; porén, é un instrumento vital para o noso futuro como pobo galego. 

Comentarios