Opinión

Ocultación e borrado

Janina Ramírez, profesora en Oxford e presentadora da BBC, vén de aseverar, na presentación do seu libro Féminas, non sen razón, que "o mundo medieval era tan complexo como o de hoxe". Tamén aclarou que a propia etiqueta Idade Media estaba inspirada nunha intencionalidade negativa, como algo escuro, negro. O anterior, e sobre todo o posterior, sería mellor. Referíndose ás mulleres, considera que houbo, unha etapa medieval, co gallo da expansión do cristianismo, en que adquiriron dereitos, destacando na ciencia, na música, na arte e na política. Fóronlles roubados nunha fase medieval tardía pouco a pouco, e así moitas delas foron borradas e esquecidas pola historia tamén. As mulleres ficaron reducidas ao papel doméstico, matrimonial, á procreación e á satisfacción sexual dos homes, dentro dunha nova versión relixiosa do cristianismo, católica ou protestante. Porén, non desapareceu, malia estreitarse, o espazo do convento ou mosteiro como unha vía de liberación. 

Está claro que Galiza é unha nación de fundamento medieval, como outras europeas. A lingua, a arte, a literatura escrita, a mesma relixión dominante, así o testemuñan. A nosa etapa de esplendor está situada entre os séculos XI e XIII, ao final da cal, sobre todo, comeza a facerse visíbel a redución do papel das mulleres, en paralelo á idealización mariana. A consolidación da reforma gregoriana, o asentamento dunha igrexa católica occidental, baixo a dogmática papal, daban os seus froitos. Non deixa, pois, de ser sintomático que os dous reis de Galiza da fase culminante do seu esplendor, Fernando II e Afonso VIII (IX na manipulación española), se visen confrontados co Papa polos seus matrimonios con infantas portuguesas, considerados incestuosos, por Roma, por causa da proximidade sanguínea dos cónxuxes. Excomungados e interdito o reino de Galiza por esta causa e polas alianzas cos musulmáns, a descendencia foi considerada lexítima, embora a separación fose obrigada. Tamén é sintomático que Afonso VIII, morto o seu fillo coa infanta portuguesa Tareixa Sanches, Fernando Afonso, o herdeiro do reino, tomase todas as precaucións para as herdeiras da coroa seren Sancha e Dulce, irmás do anterior, blindando esta opción co rei Afonso II de Portugal no Tratado de Baroncelle. Á súa morte en 1230, púxose en movemento unha potente maquinaria para impedilo. Confluíron as Ordes Militares, a Orde do Císter, a Igrexa romana, apoiando a candidatura do rei Fernando III de Castela, fillo do monarca morto e da princesa castelá Berenguela, a súa derradeira esposa. Ela, á cabeza desta operación, renunciara xa antes ao trono para favorecer a estratexia de integración dos reinos de Galiza e León na coroa castelá. O acoso contra as infantas e a súa nai Tareixa foi acompañado do suborno con cantidades inxentes de diñeiro para renunciaren á coroa de Galiza e León, sen faltar a ameaza de guerra contra Portugal se pretendía que o Tratado con Afonso VIII se respectase. O convento foi para elas unha alternativa vital. Nel gozaban de liberdade para dirixir a súa vida. Cando coñezamos ben a historia política medieval de Galiza estaremos en disposición de descubrir cantas mulleres da nobreza, da burguesía e mesmo do campesiñado, foron borradas e anuladas pola historiografía, en paralelo coa propia ocultación do país.

Comentarios