mércores 03.06.2020

O noso idioma

Nós diario está, como xornal en lingua galega, contribuíndo a mellorar o uso oral e escrito do noso idioma. Agora faino, ademais, cun curso, ben proveitoso por certo, para utentes conscientes, con vontade de nos expresar con adecuación e sen desleixo. O ser corpóreo do galego necesita librarse das deformacións, feridas e mancaduras, derivadas do dominio abafante do español. Boa falta nos fai. Cómpre tomar a serio esta tarefa intelectual, afectiva e social, tan necesaria para a vitalidade e exemplaridade modélica da lingua do país.

Si, digo ben, propia do país, a nosa, a conformada pola nosa sociedade, polos antergos, estabelecendo así un espazo de comunicación social, natural, coherente e cohesionado, pola intelixibilidade e a idea de pertenza a unha comunidade lingüística. Foi durante séculos o soporte da nosa vida cotiá, da cultural en todos os aspectos, e tamén da estrutura do poder político. Está claro que hoxe non é así. Atópase debilitada e interferida como sistema de comunicación, dominada no seu espazo propio e orixinario, preterida e mesmo desprezada e negada polo poder político e económico, malia usala como elemento decorativo ou lexitimador en ocasións. Loxicamente non conta cun espazo de comunicación coherente e cohesionado. Hai mesmo a intención declarada de nos convencer de que tamén o español é unha lingua propia, practicando un verdadeiro exercicio de damnatio memoriae. Pretenden que a historia non exista, que non saibamos de onde vimos, o que fomos e o que somos. Así tampouco acertaremos a orientarnos conforme aos nosos intereses colectivos, mentres eles lexitiman a vía da extinción. A resistencia de determinados sectores a aceitala, e a pasividade das propias administracións perante a violación da legalidade prescritiva sobre a toponimia, unha simple restauración de nomes orixinais fronte a tanto despropósito, deformación e caprichos coloniais perpetrados ao longo dos séculos, foi todo un síntoma.

Certamente, como corolario, temos un problema de identificación activa, práctica, da maioría social co idioma do país; predomina unha adhesión todo o máis sentimental. Necesitamos acreditar no propio país, e nunha das súas esteas básicas, o idioma propio, como instrumento de comunicación social, oral e escrita, preferente. A evolución cuantitativamente negativa desde hai máis de trinta anos, e de forma grave nos dez últimos, responde á dinámica dunha sociedade ao pairo. A política oficial non fixo máis que agravala. A resistencia e a conciencia da realidade da minoría máis activa e favorábel callou en saltos cualitativos innegábeis nos usos, a nivel persoal e colectivo, un deles a existencia deste xornal. Porén, a prescindibilidade e subordinación do noso idioma segue a ser a tónica dominante se ollamos máis aló das prácticas activas minoritarias. Non doutra forma pode ser cando, ademais, como explicaba Carvalho Calero, un idioma ao que non se lle recoñecen deberes por parte das Administración públicas, é imposíbel que se lle podan garantir dereitos a usalo con plenitude aos seus falantes.

A solución ortográfica debe pasar por integrarnos na nosa orixe, na casa matriz. Porén, só terá unha transcendencia plena dentro dun plan de restauración de usos, a través dun proceso de conciencia social e política de pertenza a un espazo de comunicación propio, no que debe ser o idioma de uso normal e preferente.

comentarios