Opinión

Noroeste

Iniciouse o ano político galego cunha campaña de propaganda por conta de Rueda, Mañueco e Barbón, presidentes, respectivamente, das CCAA de Galiza, Castela e León e Asturias, e xenuínos representantes da política autonómica do PP e do PSOE. Fixérono co recurso á terminoloxía Noroeste, destacando así que as tres comunidades autónomas son un espazo xeográfico, espacial, parte de España e baixo o seu Estado, a entidade política superior. É unha forma de se concibiren só como territorios desa unidade superior. A verdade é que un está habituado, xa desde o franquismo, a esta operación metonímica, reducionista, para, non só o nome senón a real problemática da Galiza, ficar arrombada, sometida a desfiguración e falta de relevo e perfil. Esta tradición de disolución ou anulación pasa por converter en rexión o que é nación e pobo. Cabe lembrar, por exemplo, como o espolio hidroeléctrico se comezou baixo o rótulo Fuerzas Eléctricas del Noroeste (Fenosa).

É a forma de obviar que se aluda a Galiza en solitario, privala de calquera tipo de entidade. Mesmo un presidente do Goberno, como Zapatero, non pasaba de concibila politicamente dentro do Noroeste, unha parte de España que, no mellor dos casos, podía ser obxecto de maiores investimentos nos orzamentos do Estado.

Non é, pois, casual que o PP galego, con Rueda á fronte, seguindo o ronsel de Feixoo, argallase un cumio reivindicativo a celebrar en Santiago, en compañía de Mañueco e Barbón, para reclamaren investimentos no denominado Corredor Atlántico de Mercadorías, deseñado en 2019. Disolvidos no Noroeste, e con aparencia reivindicativa, procura Rueda o seu lanzamento publicitario, e a propaganda que desnorte, aínda máis, o país, no seu beneficio. Alguén lembra que foi do cumio similar, argallado por Feixoo, tamén en Santiago, con outros presidentes autonómicos do PP e do PSOE sobre a reforma do sistema de financiamento? Alguén coñece cales foron os seus resultados, en particular para Galiza? Ningún. Pura propaganda.

Iso si, sempre unha pinga máis de animadversión e intoxicación contra os que, dise, querendo romper a unidade de España, saen beneficiados dela, prexudicando os mansos e obedientes. Estamos perante o combinado de tres factores, todos eles abenzoados polas centrais madrileñas deses partidos: a) anulación dun perfil propio de Galiza; b) reforzar a idea da unidade de España; c) usala de marioneta contra outras nacións do Estado, introducindo antagonismos que nos desvíen de onde está a causa dos nosos problemas. Esta forma de proceder entra dentro da maneira, cada vez máis abafante, de facer política: propaganda a eito, electoralismo constante, obsesión españolizadora.

Ese denominado Corredor Atlántico de Mercadorías, no que se refire a Galiza, contempla proxectos sen investimentos. Se o Goberno galego pensase no propio país hai tempo que estaría reclamándoos, así como competencias na materia. Vai da mellora da liña Ferrol-A Coruña e da necesidade de integrala no Eixo Atlántico, da maior capacidade e operatividade deste nos tramos do vello trazado conservados; da mellora do percorrido Vigo-León, vital articulación da Galiza histórica. Todo pendente de vello, sen que lle provocase a menor preocupación. O reto dun Goberno galego tamén é que o país produza, haxa un vigoroso comercio, e deixe de ser unha colonia á que espoliar.

Comentarios