Opinión

O modelo ferroviario

Cumpre facermos unha avaliación do deseño das infraestruturas ferroviarias na Galiza que se foi configurando e executando nos últimos vinte anos. Debemos facelo, e emitir un xuízo sobre os servizos que se prestan. Tanto nun aspecto como no outro non se pode negar que houbo unha mellora, un avance incuestionábel. Non se produciu por casualidade. A reivindicación política constante, sobre todo desde 1993, e a presenza do nacionalismo no Congreso, desde 1996, lograron que Galiza non ficase fóra da modernización ferroviaria. Porén, como é lóxico, o Estado executou, tamén aquí, o seu modelo: a prioridade da confluencia rápida de todas as capitais de provincia e grandes cidades con Madrid. Non fai falta dicir que se agravaron así as deficiencias e eivas da comunicación ferroviaria interna nunha ampla zona galega.

Mesmo a mellora do Eixo Atlántico, deixando fóra del ademais o tramo Ferrol-A Coruña e a conexión con Portugal, fíxose de maneira forzada. Finalmente tivo un investimento e unha afectación ambiental inxustificados para os tempos de viaxe logrados (unha hora e vinte minutos A Coruña-Vigo, 166 quilómetros). Por fortuna, é un modelo compatíbel para viaxeiros e mercadorías. 

O Eixo funciona como unhas proximidades, entre cidades e vilas. Porén, a súa consideración como media distancia encarece os billetes e somete o servizo, en nome da seguridade, a un rigor no acceso, pasando por escáner con radiación bolsos, bolsas ou malas dos viaxeiros e  por estes un detector de metais. Incórrese mesmo na vexación das persoas, obrigándoas moitas veces a sacárense prendas de abrigo e introducilas tamén por funil tan pouco hixiénico.

O resultado é a formación de colas interminábeis, xusto 15 minutos antes da saída do tren, que provocan o retraso deste xa desde o comezo. Dá a sensación de estarmos nun estado policial, onde a obsesión polo control das persoas supera calquera outra consideración, incluída a puntualidade. En ningunha parte os trens de proximidade nen de media distancia están sometidos a este rigorismo. Imaxinan algo semellante coas proximidades de Madrid? Farían inviábel o servizo. Estamos perante un suculento negocio das compañías de seguridade privada, ao amparo de Renfe e/ou o Adif, aproveitándose aquí dos trens con maiores frecuencias. 

Hai síntomas de o mantemento do material rodante ser deficiente, como escaso o persoal para atender os servizos.  Nos itinerarios sen modernizar (Ferrol-A Coruña; Lugo-A Coruña; Monforte- Ponferrada, Vigo-Ourense polo Miño…), con apenas frecuencias e duracións da viaxe excesivas, as avarías e falta de revisor non son anormais. En fin, non hai a menor incardinación do servizo ferroviario dentro dun deseño de transporte intermodal a nivel galego. Nótase, ademais, que a Xunta nen pinta nen quere pintar nada.

Exemplo especial do desleixo dos gobernos de España e da apatía e falta de aspiracións da Xunta de Galiza é o estado da infraestrutura e dos servizos no itinerario de vía estreita Ferrol-Ribadeo. Por que non se esixe a transferencia e non se está disposto a crear unha empresa ferroviaria galega? Un goberno galego responsábel xa o tería feito. Ningunha forma mellor para obrigar a outros a asumir tamén as súas responsabilidades, e non pensar só en como chegar, canto antes, desde todas as cidades galegas a Madrid.

Comentarios