Opinión

Grima

Tennos habituados esta Xunta ao enunciado de queixumes farisaicos contra o Goberno de España que non teñen por causa unha defensa real dos intereses de Galiza, nin a convicción de a actual estrutura unitaria e centralista do Estado e a función que cumprimos dentro dela constituíren grave rémora para o noso desenvolvemento. Os seus queixumes van sempre na dirección de asentar máis españolización e, de paso, servir os intereses do PP, como alternativa aspirante a gobernar España. Galiza é, pois, só o pretexto, para, en nome das súas institucións, servir, paradoxalmente, ao deseño que provoca o noso maltrato e os nosos males. Desta maneira, baixo aparencia de conflito político co goberno español, estase, na realidade, sinxelamente, procurando a súa substitución por outro que manteña a mesma actitude. É dicir, estamos perante unha comedia de enredo, onde ao cabo só se trata de quen defende mellor a unidade de España, e de quen e con que métodos se combate mellor o separatismo. Galiza resulta así un convidado de pedra, á que un e outro invocan de forma choqueira e sen a menor preocupación real. Hai pouco, vimos o presidente da Xunta, seguindo a consigna partidaria de o Goberno de España estar a mercé dos independentistas cataláns e vascos, queixarse da postura negativa do Secretario de Estado de Medio Ambiente verbo do anteproxecto de Lei do Litoral de Galiza. Botoulle en cara que o Goberno non tiña a mesma dureza e hostilidade coas demandas de aqueles e reafirmou o encaixe constitucional da antedita proposta, á que o alto cargo ministerial cualificara como independentista, seguindo a mesma trécola fraudulenta, como bo defensor tamén da centralización.

Desde unha alternativa que acredite na capacidade e necesidade de Galiza contar con competencia decisiva sobre os asuntos vitais, neste caso a competencia sobre o seu litoral, non só é unha reivindicación lexítima senón necesaria. O problema está en que este é o único caso en que a Xunta parece expresar algún interese en reivindicar competencias, política á que foi e é refractaria nos últimos 14 anos, aínda sabendo que a cesión competencial máxima non anula a titularidade do estado sobre ela. Non parece difícil saber por que. Perante unha lei estatal que non ten presente a especificidade galega, e ten levantado preocupación xeneralizada, moitas con base racional e xustificada, e outras máis interesadas e insostíbeis, pretende ser o interlocutor privilexiado e máis directo de grupos económicos aos que protexer e de grupos sociais nos que influír a través das súas decisións. Resulta grimoso que os lamentos da Xunta acubillen tanto desleixo e desinterese real na súa forma de conducirse verbos dos intereses do país e expresen sempre unha imaxe de submisión e veneración constitucional, como unha miña xoia que, sabendo non pintar nada nos temas importantes, avoga aínda por maior centralización e máis españolidade. A actitude de Rueda respecto do nacionalismo catalán e vasco só ten a pretensión de, á vez, desprestixiar o nacionalismo galego e desviar a atención da opinión pública galega de quen realmente maltrata o noso país. Ese poder non é catalán nin vasco. É estatal, e en todo caso, español. El pertence a un dos seus instrumentos políticos.

Comentarios