Opinión

O desdén pola nosa historia

Todo apunta a que o centenario da morte de Murguía vai transitar polo carreiro das efemérides rituais. Adoita ser a dinámica de todo o que ten a ver coa cultura galega, a cada paso máis abeirada na marxinación. É unha dinámica moi negativa, non só polo alto valor que teñen moitas das súas manifestacións, en concreto na literatura de creación e no ensaio, senón porque nela se expresa a forma de vernos e analizarnos como pobo, cal é a nosa perspectiva do mundo.

Contén a nosa experiencia histórica, a nosa capacidade para coñecela e analizala tamén, de forma retrospectiva, como fan todas as nacións con mínima conciencia de si. Manuel Murguía ocupa un papel fundacional, na historia contemporánea, no empeño por nos dotar dunha visión propia do noso pasado, formando unha tríade senlleira con Benito Vicetto e López Ferreiro. Non se pode dicir, por tanto que, no momento preciso, non xurdise na cultura galega, desde fóra das institucións estatais oficiais (universidade, reais academias…), grazas ao esforzo de persoas con conciencia de responder a esta necesidade, unha historiografía que tomase Galiza, o pobo galego, como suxeito e protagonista. Naturalmente, fixérono, condicionados polas circunstancias do momento.

Porén, estaban aguilloados pola evidencia de na historia oficial o papel de Galiza ficar ou ignorado, ou desfigurado, ou manipulado, cando non apropiado indebidamente por outros. Enfrontar a visión deste deseño da historiografía oficial española non era doado. En parte a nosa historiografía clásica, en particular Murguía, non foi quen de romper totalmente o deseño oficial no referido á Idade Media, a etapa de esplendor do reino de Galiza.

Velaí por que concibiu a súa historia como demostración do latexo a favor da independencia ou da autonomía que tería movido a sociedade galega, como se, agás co rei García, nunca tivese sido independente. Nunha palabra, esta aspiración estaría na base da especificidade histórica de Galiza sen chegar nunca a consolidarse. 

Hoxe o medievalismo académico, que se ocupa de forma marxinal de temas galegos, non só non superou esa limitación, senón que pode chegar a negar a existencia do reino de Galiza, non digamos xa o seu papel orixinario e hexemónico entre os peninsulares cristiáns durante varios séculos. Que boa ocasión sería este centenario de Murguía para os estudantes de Historia da universidade galega seren incitados, desde dentro, a ler a obra de Murguía, analizala e debater sobre ela!

Claro que, para iso, a Historia de Galiza tería que entrar a formar parte da súa formación académica, e contemplarse no resto do sistema educativo, como algo esencial para o coñecemento dos galegos e galegas  sobre o propio país. Vai para 150 anos que Murguía publicou o T. I da súa Historia; producíronse, desde entón, malia tanta exclusión e discriminación, avances no coñecemento do noso pasado.

É hora de non seguir soportando o ostracismo a que se somete este coñecemento para a nosa sociedade permanecer ignorante, sen conciencia histórica de si mesma. O desdén pola obra de Murguía non está provocado pola súa superación parcial, senón por a elaboración e espallamento da historia do país en que vivimos, especialmente a medieval, seguir a ser materia reservada, atrevemento inconveniente. 

Comentarios