Opinión

Contraste

Co gallo de se conmemorar o 104 aniversario da celebración da Asemblea Nacionalista de Lugo, Vía Galega planificou unha campaña reivindicativa da bandeira galega, como símbolo representativo do país. A iniciativa, e o traballo conseguinte, insírense dentro do empeño por esporear a conciencia dos galegos e galegas como pobo diferente que merece ser existente, en expresión de Castelao. Non é banal, pois, o coñecemento e uso dos seus símbolos identificadores, a bandeira e o himno. Parece claro que non vivimos nunha sociedade que lles preste especial atención nin querenza. É, neste aspecto, máis ben pasiva e apática. Non pode ser doutra forma á vista da actitude do poder político hexemónico e dos mecanismos de funcionamento social, máis propios dunha colonia que dun país que aspire a expresar vontade política propia. Este perfil, de tan baixa ou nula intensidade positiva verbo de nós propios, remite moito máis que á ignorancia ou á pasividade popular, ás precaucións, medos, represión e indisposición activas dos poderes políticos estatais que os intermediarios autonómicos servís imitan, aguzándoas. En conxunto, somos unha sociedade que non acaba de asumirse a si mesma por sometemento a intereses alleos, que se nos inculca que son propios. Velaí por que a actitude de moitos, pasividade e indiferenza, prefire evadirse do conflito pretextando tamén que os símbolos non teñen importancia. A proposta de Vía Galega, unha acción expansiva, consistente en izar ou colocar a bandeira azul e branca, sen ou con estrela, nun lugar vistoso e con vontade de permanencia, o 19 de novembro ás 11.30, foi tan positiva como de desigual fortuna. Gozou da hostilidade ou indiferenza das forzas bipartitas, con algunha honrosa excepción, e foi asumida, se ben por debaixo da súa potencialidade, polo nacionalismo, na maior parte dos casos con entusiasmo, porén nalgúns con incomodidade e indiferenza.

O día catro deste mes celebrouse en Andalucía o Día da bandeira, debidamente oficializado antes pola Junta en mans do PP, por decreto. Todos a competir a ver quen daba máis, a dereita e a esquerda (esta con manifestación en Sevilla e grande bandeira andaluza abrindo a marcha). O decreto insta a celebralo en todos os colexios da Comunidade Autónoma, a izar a bandeira en todos os edificios públicos, a usar brazaletes coas súas cores en equipas de fútbol, baloncesto e outros deportes... Aquí, un día si e outro tamén, mesmo nos debates parlamentarios, o Presidente da Xunta e os seus deputados fan ostentación de desprezo por todo o que ten a ver coa nosa existencia política como pobo diferente, a comezar pola propia lingua e os símbolos que a propia lei autonómica di asumir como representativos de Galiza: a bandeira e o himno. O goberno galego expresa o paroxismo da nosa auto-negación, ao servizo de España, en todas as ordes. Que pasa? Sen dúbida Galiza é unha nación, negada si; e así debe seguir, espoliada e sen conciencia de si. Esta é a causa do rigorismo na indisposición a promover o uso de símbolos como a bandeira e o himno, vivido con animosidade entusiasta por quen cumpre o indigno papel de colaborar a que Galiza sexa tamén indigna e inexistente. Seguramente pretenden demostrar así o seu españolismo servil.

Comentarios