Opinión

Colonizados

Afeble, cando non ausente, preocupación sobre o propia realidade galega, a que vivimos, por non considerarmos os vínculos con ela prioritarios, como principal identificación e referencia das nosas expectativas, é a causa fundamental das nosas impotencias e derrotas como pobo. Remítenos, á súa vez, ao feito de ser unha nación subordinada, ao servizo, xa secularmente, de intereses alleos, e negada dentro e fóra. Non doutra maneira podemos explicar a proclividade e a facilidade con que, desde dentro, se está disposto a aceitar deseños que nos agriden gravemente por se presentaren como necesarios e benéficos para a humanidade, o planeta ou España. 

O sacrificio da Galiza en aras dun progreso abstracto convértese así nun mantra que unha globalización xerárquica, desigual e discriminatoria ven a alimentar. Naturalmente sempre están detrás destes deseños grandes empresas que, contando coa protección do Estado español e a UE, e a inestimábel axuda de corifeos, con máscara ecoloxista, se lanzan como voitres sobre os recursos naturais da Galiza para espolialos, aferrollando o seu destino como colonia: fornecedora de enerxía e materias primas, drenaxe dos seus aforros e emigración. Isto non é un apriorismo ideolóxico. É unha constatación clamorosa, convertida xa en tradición histórica, cuns resultados demográficos, medioambientais, socio-económicos e políticos para o país catastróficos. 

Persistir no modelo ou deseño que os provoca si que é aferrarse a unha tradición aberrante, porque nos liquida. A mudanza de paradigma non pode consistir en máis do mesmo. Esta opción só pode valer para quen desexe seguir mantendo Galiza na súa indigna e corrosiva subordinación a negocios suculentos doutros que anulan a súa capacidade e o seu dereito a desenvolverse en beneficio propio, en equilibrio e harmonía co medio. 

O portavoz do PSOE no Parlamento Galego expresou graficamente a indigna e corrosiva mentalidade do colonizado satisfeito de selo, cando, tratando de desacreditar a oposición nacionalista ao Plan de ordenación do espazo marítimo para a instalación da eólica mariña, que lle asigna a Galiza nada menos que case a metade do total estatal,  preguntouse, coa fachenda e autosatisfacción do ben mandado do progreso global: É coherente defender a lareira cando se fai a comida con vitro-cerámica? Que achado sublime! Moito me temo que moitos que teñen hoxe lareira na casa viven mellor que moitos que teñen vitro-cerámica. 

Tanto ten que Galiza xa produza e consuma maioritariamente enerxía renovábel; tanto ten que un terzo do producido vaia para fóra; tanto ten que, non contentos con ter afectado de forma moi negativa os nosos montes con impactos socias e pouco rédito económico, se incida, de forma xigantesca, nesta vía e agora se vaia a destruír o sector económico da nosa pesca, fonte de alimentación, e a perturbar o ecosistema mariño da nosa costa. Parece como se só aquí houbese mar e vento. Temos que ser líderes en destrución do propio país.

Só pola magnitude do que se nos asigna habería motivo fundamentado para unha discrepancia radical. De defendermos os intereses do pobo galego, crermos que Galiza existe e defendermos que teña capacidade de decisión sobre os seus recursos, a oposición frontal ao deseño así da eólica mariña é a única politicamente consecuente. E si, abenzoada tradición a da lareira. Quen puidera ter unha na casa!

Comentarios