Opinión

Aboríxenes

O sábado 14 de outubro tivo lugar un referendo na Australia para decidir se se recoñecía a existencia política dos pobos aboríxenes e, consecuentemente, a creación dalgún órgano institucional a través do que expresar, con voz propia, as súas reclamacións, de forma que se tiveren en conta na elaboración e aprobación das leis e nas actuacións do Goberno. Como se ve, un recoñecemento da súa existencia, como descendentes dos primitivos e orixinarios moradores de Australia, e a intención de telos presentes na iniciativa, no debate e na resolución de problemas por parte do parlamento e do Goberno. Non ía máis alá nin na súa intencionalidade nin nas súas consecuencias. A reacción da maioría da poboación, o 60%, expresou o seu rexeito nas urnas. A historia de Australia debe comezar coa colonización británica, isto é, coa chegada do home branco e o seu impulso colonizador que implantou a súa lingua, o inglés, a súa cultura superior, relixión incluída, e a súa visión eurocéntrica do mundo. Non pode nin debe existir nin outra historia, nin outra cultura, nin outra tradición, nin algunha aspiración que pretenda o seu recoñecemento. Non abondou coa persecución e a masacre do aboríxenes, coa súa marxinación e desprezo, cos guetos e reservas, coa súa aculturación e asimilación violenta e indigna, debe haber amnesia e desmemoria do pasado para seguir con esa política, ao estilo século XXI, no presente, até a súa total degradación e eliminación física e mental. Os dirixentes indíxenas, en carta aberta ao Goberno, cualificaron de actitude atroz e mesquiña, a expresada pola maioría nas urnas. E afirmaron, con contundencia: "Non aceitamos, nin por un momento, que este país non é noso". En efecto, é bochornoso que non se queira estabelecer, nin sequera, un órgano consultivo que avalíe o efecto das leis na poboación aborixen e aborde as diferenzas sociais e económicas que, de forma lacerante, a atinxen. A unidade australiana está fundamentada así nunha opresión xenocida que, douscentos anos máis tarde de se iniciar, se resiste mesmo a paliar os devastadores efectos dunha inxustiza histórica.

O filme de Scorsese, Os asasinos da lúa, narra, de forma espléndida e sen requilorios, un xenocidio real de membros da nación Osage, beneficiados economicamente, de forma controlada e parcial, polo descubrimento de petróleo nunha zona de Oklahoma, onde estaban asentados nos anos vinte do século pasado. De forma metódica, calculada, mesmo a través de matrimonios de brancos con mulleres aboríxenes, foron asasinadas, co recurso aos máis brutais atentados e de tratamentos médicos adulterados, persoas desta condición nacional, en especial mulleres, coa conivencia dos seus maridos. O obxectivo consistía en herdar o patrimonio e o diñeiro que tiñan depositado nos bancos e, ao tempo, ir eliminando a súa presenza dunha sociedade que, en canons bíblicos, desexaba acreditar en que aquela terra era a súa, a que lle fóra reservada por Deus. Este foi o espírito fundacional dos USA, que hoxe continúa vivo alí para violencia interna interminábel, e externa exportábel para opresión doutros. O mesmo espírito que move, coa protección dos seus máis gloriosos promotores desde o comezo, o Estado de Israel: a opresión xenocida contra os palestinos, os aboríxenes de Palestina.

Comentarios