Opinión

A lúa vai encuberta

Redime asistir á representación de A lúa vai encuberta, obra teatral de Manuel María, produción de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, que gañaron coa súa proposta de encenación o premio do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Coido que vai representar un fito no teatro galego dos nosos días por varios motivos, para alén de ser todo un síntoma de se estaren a producir mudanzas de signo moi positivo en boa parte dos profesionais da escena, tanto na mentalidade como na actitude. Boa parte do sen dúbida cualificado, experimentado e sufrido sector necesita romper a ignorancia e os prexuízos verbo da propia produción galega de textos para o teatro, condenada ao ostracismo, sen que se lle dese a mínima oportunidade. Autores cunha obra de gran potencial para a escena permanecen virxes, sen probar, a non ser, de forma marxinal, polo teatro amador. A fenda cualitativa, a epifanía necesaria no teatro profesional, prodúcese agora coa representación dun autor que, malia a súa inxente produción e a consideración hoxe como un clásico da poesía galega do século XX e comezos do XXI, permanecían as súas pezas para a escena ocultas, encubertas, como se non existisen. Este acceso á plenitude, que é a representación, significa que pasa a ter vida, comunicación e posibilidade de xuízo fundado por parte da sociedade para a que, en primeiro lugar, foi elaborado. O resultado, neste caso, abraia, e evidencia tanto o potencial escénico do teatro de Manuel María como o revulsivo que provocou en Incendiaria e A Quinta da Cuadra en todos os aspectos. A fonte da que beber é profunda e de auga fresca: Manuel María, Carvalho Calero, Marinhas del Valhe, Antón Vilar Ponte, Otero Pedraio, Cabanillas, Manuel Lourenzo… A valentía, o desacougo e a honestidade intelectual e artística que está aberta a coñecer, fixeron o milagre deste encontro e deste diálogo tan frutífero entre un autor e un grupo teatral galegos: un, descoñecido por  ignorancia inducida; o outro, á procura do ignorado, por intuír que hai moito encuberto.  

Non pode estrañar que A lúa vai encuberta sexa, en primeiro lugar, unha proclama contra a ignorancia da nosa historia recente. Preguntar e preguntarse sobre as razóns do autor, contrastar coa propia existencia, interpelar os espectadores, mentres, en paralelo,  se van mostrando sucesos significativos que marcaron a evolución do pobo galego desde o referendo de autonomía de 1936 até hoxe, conforme ao texto de Manuel María, é a forma de incardinalo no presente e colocalo nunha dialéctica que multiplica a súa capacidade reveladora. Os dous actores (Davide González e Tito Asorey, ademais director) e as dúas actrices (Vanesa Sotelo e Melania Cruz) desenvolven un traballo extraordinario de ductilidade continua, contando cunha escenografía tan sinxela como eficaz, que é capaz de configurar a imaxe dun país, Galiza, sen caer no derrotismo, porén pondo de manifesto o seu estado crítico e incitando, nun contraste continuo entre pasado e presente, a non resignarse. Como chegamos aquí? Unha pregunta que ten resposta no que vemos. Porén tamén unha aposta a mudar de actitude e orientación. Temos a sensación de estarmos vendo algo vivo, algo noso, do que estamos tan necesitados: térmonos como referencia. Non estamos habituados a que nos falen de nós sen censuras, con veracidade, sermos materia escénica e obxecto de reflexión. A reacción do público é entusiasta, seguramente inusitada na súa agradecida rotundidade no teatro galego que se representa. A compañía debeu traballar a fundo para lograr unha conxunción tan coherente, tan comunitaria, de esforzos. Unha experiencia benfeitora para elas e eles, que está resultando para o público, en boa maneira, un espectáculo redentor ou, se quixermos, descolonizador. 

Comentarios