Opinión

A voltas coa Área Metropolitana da Coruña

O pasado mes de agosto, as voceiras dos grupos municipais do PSdeG- PSOE e da Marea Atlántica anunciaban un acordo para activar o procedemento con vistas a constituír a Area Metropolitana da Coruña, comprometéndose a presentar un anteproxecto no presente mes de setembro.

Non foi sen tempo, pois xa o 3 de outubro de 2019, a inicios do presente mandato, o pleno do Concello da Coruña acordara iniciar o procedemento  e resolvera encomendar á Comisión Especial da Área Metropolitana (presidida pola Marea) a elaboración da proposta de anteproxecto de lei para o seu traslado á Xunta e o Parlamento de Galiza no primeiro semestre de 2020.

Foi precisamente este retraso o que fixo que o pasado mes de xuño o BNG presentase unha moción, aprobada en pleno, urxindo a que se dese cumprimento a este acordo.

Mais non abonda coa elaboración dese anteproxecto. 

Para que a Área Metropolitana chegue a ser unha realidade é indispensábel o concurso do resto dos concellos da comarca. Non poden ser tratados como comparsas.  Hai que dialogar con eles  e facelos copartícipes. 

Estase a facer?

Onde está o labor de liderado da alcaldesa? 

É ben non perdermos de vista que á área metropolitana se constrúe paso a paso, a partir da coordinación de políticas e da prestación de servizos a escala comarcal. 

Pois ben, ao tempo que se producía ese anuncio, alcaldes do Consorcio das Mariñas instaban o concello da Coruña a licitar sen máis demora o novo contrato da planta de Nostián e advertían da posibilidade de entregar o lixo a SOGAMA se a demora se prolongar e non se resolveren os problemas da instalación.

Algo que comprometería seriamente á viabilidade de Nostián, a súa conversión nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe e a propia pervivencia dun modelo de xestión e tratamento do lixo a escala comarcal.

E de novo preguntamos:

Que está a facer o Goberno Local ante esta situación?

Onde está o labor de liderado da alcaldesa?

E non son preguntas retóricas: a Área Metropolitana da Coruña constrúese con feitos e non con simples declaracións de intencións.

Comentarios