Opinión

Política de pasarela

A Xunta lanzou un ultimato aos Concellos da Coruña e Oleiros para que dean o visto bo á unión de Oza e Santa Cristina por unha pasarela. Á Xunta gústanlle as pasarelas. De feito, durante varios anos o investimento máis importante da Administración galega na Coruña foi a pasarela a Marineda City. 

É de sentido común que antes de falar dunha pasarela entre As Xubias e Santa Cristina, o primeiro que tería que ter feito, e non fixo o Goberno galego, foi contar cos Concellos da Coruña e Oleiros mais coa Demarcación de Costas e acometer outras tarefas, como rexenerar a fachada marítima entre Oza e A Pasaxe; ben como tamén avaliar o impacto paisaxístico e ambiental da instalación da pasarela (en particular a súa afectación a correntes, bancos marisqueiros e ao sistema dunar da Praia de Santa Cristina) e estudar a súa utilidade para resolver necesidades de mobilidade. 

Pero non. A Xunta, e aí Rueda non innova precisamente a respecto da época Feixoo, preferiu realizar unha infografía e usala para facer campaña electoral. Niso consiste a política de pasarela. Na aparencia e no exercicio de exhibicionismo en vez de en resolver as necesidades reais que teñen a cidade da Coruña e a súa comarca.

Após lanzar o ultimato, a Xunta, apremada por unha reacción cidadá contraria ao proxecto, chamou a unha reunión aos gobernos locais de Oleiros e A Coruña. A xuntanza veu precedida dunha chantaxe: ou se aceptaba a proposta ou os 8 millóns de euros orzados para esta obra voarían da cidade e da comarca, como se estas non estivesen necesitadas dun maior investimento por parte do Goberno galego e como se o BNG non tivese feito propostas de mellora das contas da Xunta en forma de emendas aos orzamentos! O encontro, polo demais, saldouse coa ausencia do Concello de Oleiros –que se reafirma na oposición á pasarela– e cunha posición relativamente ambigua dun Goberno Local á quen a estas alturas habería que demandar unha maior clareza sobre a proposta da Xunta.

O episodio –convocar unha reunión precedida dun ultimato con sabor a chantaxe– móstranos que estamos ante unha cortina de fume por parte dunha Xunta que, en virtude do Estatuto de Autonomía, posúe competencias en materia de transporte dentro do noso territorio. 

Por tanto, estaría ben que, en exercicio desas competencias, a Xunta se preocupase da mellora da liña de buses ente Ferrol e A Coruña e do autobús metropolitano.  

Para cando, por exemplo, un carril bus nas vías de acceso á Coruña que incentive o uso do transporte público ao acurtar o tempo de duración do traxecto respecto do vehículo privado?

Estaría ben que reclamase, coa dotación económica correspondente, a xestión dos servizos ferroviarios de proximidade, como a teñen Catalunya e Euskadi, para acabar coa vergoña de que as áreas da Coruña e Vigo sexan as máis poboadas do Estado que carecen destes servizos.

Como tamén estaría ben que a Xunta impulsase a recuperación do transporte marítimo na nosa ría en vez de pór pexas ao establecemento destes servizos.

Pero non. En vez de atender as necesidades reais é máis barato e luce máis a política de pasarela.  

Comentarios