Opinión

Feijóo ou poñer o raposo a coidar do galiñeiro

A política como aparencia, a substitución da realidade polo relato virtual do seu imenso aparato de propaganda, é unha constante en Núñez Feijóo.

A política como aparencia, a substitución da realidade polo relato virtual do seu imenso aparato de propaganda, é unha constante en Núñez Feijóo. O pasado martes tivemos o último exemplo na súa comparecencia no Parlamento Galego para “informar das medidas de impulso democrático”.

As formas son sempre definitorias do fondo. O propio formato escollido é sintomático de que entende Feijóo por “impulso democrático”.

O mesmo Presidente que procura a anulación política do Parlamento, como parte do seu proxecto de liquidación do autogoberno, e que despreza a oposición porque non atura escoitar voces críticas, acode ao Parlamento para “informar” das medidas de impulso democrático. O Parlamento convertido nun plató televisivo. Os deputados e deputadas reducidos a simples figurantes da súa cenificación. Feijóo puido falar por tempo ilimitado, os voceiros só dez minutos, sen poder formular propostas de resolución. 

Mais vaiamos ao fondo. De entrada é un insulto á intelixencia que pretenda presentarse como paladín da rexeneración democrática quen despreza o autogoberno  e o pluralismo e impón o pensamento único, a través do control gubernamental ou clientelar dos medios de comunicación, tamén provoca rubor que pretenda liderar a loita contra a corrupción o Presidente das amizades perigosas, sexan co narcotraficante Marcial Dorado, sexan con “Pachi” Lucas, o “conseguidor”.

Analicemos agora os contidos da súa comparecencia. Feijóo anunciou un “recetario” de medidas inocuas para facer que se fai. Falou do que facer no futuro, para eludir dar explicacións sobre o que fai –ou deixa de facer- no presente. Falou da corrupción en abstracto para eludir falar da corrupción, moi concreta, que afecta o seu partido. Un PPdeG, lembremos, que vai camiño de figurar no Libro Guiness polo número de persoas imputadas por presuntos delictos de corrupción e no que todos os dados indican que xogou un papel central nas tramas de financiamento ilegal que salpican o PP.

Feijóo abonou a idea da corrupción como un fenómeno transversal que afecta a todos os partidos, froito das “miserias da condición humana”. “Os corruptos poden actuar en todos os partidos, mais non son de ningún partido”,  dixo, e mesmo  emprazou a todos a “pedir desculpas á cidadanía” como se el non tivese responsabilidade e estivese por riba do ben e do mal.  Alimentou deste xeito o recorrente “todos son iguais”, tan funcional aos intereses da dereita e da oligarquia española. 

Provoca rubor que pretenda liderar a loita contra a corrupción o Presidente das amizades perigosas, sexan co narcotraficante Marcial Dorado, sexan con “Pachi” Lucas, o “conseguidor”

Se todos son iguais… para que acabar co status quo?, para que pular por un cambio de modelo ou por políticas alternativas?

Baixo unha retórica reivindicación da política, abonou na práctica o anti-politicismo, sabedor de que abonando o desprestixio da política, abónase o desprestixio do público; de que abonando o antipoliticismo, deíxase o camiño expedito para aceptar como normal que as decisións veñan ditadas dende ámbitos que non emanan da vontade popular.

E  por suposto, non faltaron “loas” á transición e á necesidade de preservar o sistema, pois, segundo el, a corrupción aproveitase das debilidades do sistema, en vez de ser consubstancial a el.

AS PROPOSTAS DO BNG

No debate, por parte do BNG, puxéronse sobre a mesa propostas concretas que permitirían a curto prazo unha loita máis eficaz contra a corrupción, pero apontamos tamén como a  grande corrupción  ten causas que van moito máis alá das condutas individuais e que esixen un cambio de modelo.

A corrupción no Estado español e na Unión Europea é un problema estrutural. Hai unha corrupción sistémica, consecuencia dun esquema de poder. Corrupción, por exemplo, é que o señor Juncker negocie ás agachadas coas multinacionais para que usen Luxemburgo como paraíso fiscal ou que se desamortice o patrimonio público para entregarllo aos lobbys privados.

Corrupción, por exemplo, é que o señor Juncker negocie ás agachadas coas multinacionais para que usen Luxemburgo como paraíso fiscal

A grande corrupción é o mecanismo que utiliza o poder económico para influír nas decisións públicas no seu beneficio.  A corrupción sistémica consistente en que grandes empresas financien os principais partidos españois a cambio de que gobernen para elas ou que estes partidos lexislen a favor das eléctricas para despois sentar nos seus consellos de administración. Corrupción é tamén que as grandes contratas públicas da Xunta, dende que Feijóo é Presidente, estean deseñadas para beneficiar os oligopolios madrileños.

Esta corrupción sistémica ten a ver cun réxime ao servizo da oligarquía española e con posicións políticas, coma as do Partido Popular e Nuñez Feijóo, que aceptan ser correa de transmisión dos seus intereses.

Por iso, que Feijóo se presente agora como paladín do impulso democrático e da loita contra a corrupción é tanto como poñer o raposo a coidar o galiñeiro.

Este artigo viu a luz no número 131 de Sermos Galiza, disponíbel aquí na súa integridade na nosa loxa.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios