Opinión

Compromisos orzamentarios, mellor que anuncios publicitarios

O pasado 17 de outubro, visitou A Coruña Raquel Sánchez, ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, para manter un encontro coa alcaldesa, Inés Rey.

Un encontro que, a teor dos feitos, máis que polos anuncios destacou polas ausencias clamorosas.

A ministra e a alcaldesa anunciaron que en 2023 se licitarían a Cuarta Rolda e a reforma da Avenida da Vedra. Tamén se deu a coñecer o novo plan director do aeroporto de Alvedro. Mais o certo é que no Proxecto de Orzamentos para 2023 os investimentos en Alvedro, Avenida da Vedra e Cuarta Rolda son, un ano máis, testemuñais. Isto significa que aínda que se cumpra o anuncio de iniciar as licitacións en 2023, coas dotacións que figuran no proxecto de orzamentos as obras non poderían comezar a executarse.

Nada se anunciou, en troca, a respecto da modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña e a implantación de servizos de proximidade por camiños de ferro. Non é de estrañar, pois estas actuacións nin tan sequera se contemplan nos orzamentos.  As áreas de Vigo e A Coruña son as concentracións urbanas máis poboadas do Estado carentes de tren de proximidade. E isto é especialmente grave no contexto duns orzamentos xerais do Estado que si contemplan fondos para cinco novos núcleos de proximidades ferroviarias, en territorios –Madrid e Andalucía, por exemplo– onde xa existían estes servizos.

Tampouco se dixo nada da condonación da débeda do Porto. Un lastre para o desenvolvemento futuro da nosa cidade que se contraeu para facer fronte a unha obra –a dársena exterior de Punta Langosteira– decidida nun Consello de Ministros.

E é mágoa este silencio sobre o porto, sobre todo porque o anuncio que todos agardamos ten a ver con que dunha vez por todas o Goberno central mostre a súa disposición a formar parte dun consorcio que asuma a xestión e transformación dos terreos portuarios, achegando nos vindeiros anos unha cantidade equivalente ao monto da débeda, para así contribuír á transformación da fachada marítima.

Tampouco a ministra asumiu ningún compromiso para custear a rehabilitación do antigo cárcere. Non é de recibo que o Concello teña que pagar dous millóns trescentos mil euros pola cesión dun edificio en ruínas sen que a Administración central tan sequera se comprometa a rehabilitalo. Ruínas que son produto do abandono das instalacións por parte do titular do inmóbel, a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios.

O BNG está a traballar na preparación de emendas ao proxecto orzamentario para dar satisfacción a estas demandas. Agardamos que as e os deputados eleitos na circunscrición coruñesa nas listaxes de PP, PSOE e Unidos Podemos as apoien.

Porque o compromiso do Goberno central coa Coruña ten que plasmarse nos Orzamentos xerais do Estado, non en anuncios publicitarios. Non outra cousa é o que están a agardar as coruñesas e os coruñeses.

Comentarios